A xunta de goberno local do Concello de Ferrol aprobou a adxudicación do proxecto básico e de execución de remodelación do parque municipal das personaxes populares de Caranza. A empresa adxudicataria, Ogmios Proyectos SL, contará cun orzamento de 606.903,23 euros para executar o proxecto.
Esta actuación contará cun prazo de garantía de seis anos, cinco anos máis que o contemplado nos pregos. “Un dos nosos obxectivos é mellorar as zonas verdes da cidade e crear novos espazos de lecer, neste caso damos continuidade a un proxecto do anterior mandato de reurbanizar o parque de personaxes populares en Caranza”, explicou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
ACTUACIÓNS DO PROXECTO DO PARQUE
Na actualidade este espazo, que ocupa unha superficie de 10.769 metros cadrados, atópase moi degradado. Segundo recolle o prego técnico do proxecto, contémplase a mellora do chan, apostando pola durabilidade e o escaso mantemento. Neste sentido, o material do solo será estable e antideslizante en seco e mollado; optando por pavimento brando nas zonas de xogo e en aparatos de exercicio.
Ademais, manteranse as árbores de gran porte xa existentes, como álamos, palmeiras e algunha conífera, sempre que estean en bo estado e non presenten risco. En canto ás novas árbores a plantar, darase prioridade aos calibres grandes que dean forma ao parque e que sexan de folla caduca para aportar colorido no cambio de estación.
Así mesmo, contémplase homoxeneizar o mobiliario urbano, cumprindo a normativa de accesibilidade. A maiores prevese un deseño de parque infantl dotado de elementos de xogo para distintas idades.
Segundo a predición, estas actuacións de mellora comezarán entre outubro e novembro.