PUBLICIDADE

7 empresas optan ás obras de Esteiro de Abrir Ferrol ao mar

PorBisbarra

Mércores, 29 Outubro 2025 , ,
O investimento total desta fase de Abrir Ferrol ao mar é de 2.900.175,12 euros e conta cun prazo de execución de 15 meses.O investimento total desta fase de Abrir Ferrol ao mar é de 2.900.175,12 euros e conta cun prazo de execución de 15 meses.

Sete empresas presentaron a súa proposta económica á licitación das obras do proxecto básico e de execución Abrir Ferrol ao Mar-Esteiro. Así o comunicou o concelleiro de Contratación, Javier Díaz Mosquera. O investimento total desta fase é de 2.900.175,12 euros e conta cun prazo de execución de 15 meses.

O proxecto está dirixido a unha rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona de contacto de Ferrol co mar. Entre as actuacións previstas está a creación de 600 metros de carril bici e senda verde, que unirán a porta de Navantia coa porta histórica do estaleiro de 1857.

Tamén se rexenerará o espazo da antiga porta da Escola Obreira de Navantia, incluíndo a restauración da porta e a instalación de paneis informativos en homenaxe aos aprendices do estaleiro. Reurbanizarase a contorna do pavillón de Batallóns e a vía de acceso ao Baluarte. Ademais reconfigurarase a intersección de Taxonera e rúa Españoleto, creando unha glorieta que mellora a seguridade viaria e minimiza riscos para peóns e ciclistas.

PUBLICIDADE

O proxecto recolle unha importante intervención na Alameda de Esteiro, para recuperar o seu papel histórico como gran espazo público e lugar de encontro. Así pois, contará con novo mobiliario urbano e especies arbóreas.

En canto á muralla, procederase á súa rebaixa ata 0,5 metros sobre o nivel da rúa e instalarase un enreixado metálico de 2,60 metros de altura continua. Así garantiranse os 3,10 metros mínimos de seguridade requiridos para o recinto militar. Ao mesmo tempo, ofrecerase unha imaxe máis permeable que favorece a relación visual co Arsenal.

Esta actuación contempla a instalación de 18 bancos de madeira e 430 metros lineais de bancos na alameda, papeleiras, 20 aparcabicicletas e un punto de recarga para vehículos eléctricos, que será o primeiro da cidade. En canto á iluminación, instalaranse 55 novos farois led de temperatura cálida e plantaranse 56 novas árbores (plataneiros), que reforzarán a continuidade verde do ámbito. A intervención incorpora 350 novas prazas de aparcamento, 150 na vía pública e 200 nun aparcamento disuasorio deseñado con pavimento permeable.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.