O catálogo, que someteu hoxe a información pública a Xunta, recoñece 205 en Ferrolterra, 125 na Mariña Luguesa, 313 no Barbanza, 197 na Costa da Morte e 102 na comarca da Coruña polo seu valor patrimonial e cultural
O novo Catálogo de bens de valor cultural do litoral, que dende hoxe está sometido pola Xunta de Galicia a información pública, identifica un total de 205 elementos na costa de Ferrolterra que destacan polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros.
Este Catálogo de bens de valor cultural do litoral identifica ademais 313 elementos no Barbanza, 125 na Mariña luguesa na Costa da Morte e 102 na comarca da Coruña, segundo informou o Goberno galego. Por provincias, destaca o litoral da Coruña que concentra 817 bens, seguida da de Pontevedra con 640 e da de Lugo que suma 125 elementos ao Catálogo.
Un Catálogo de bens que, segundo manifestou o pasado 22 de outubro a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante o XIII Congreso Docomomo Ibérico na Coruña, que “permitirá converter este patrimonio nun motor de futuro para o desenvolvemento da costa galega”.
De todos os inmobles inventariados no catálogo de bens da Comarca de Ferrolterra, un total de 117 (57,1%) pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais polo que poderían ter outros usos a futuro compatibles coa súa conservación e protección.
Aínda que non se materialice en todos os casos, esta vía abre novas posibilidades para a recuperación dalgúns destes bens, entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial, mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e respecten os valores e características que precisamente lle valeron a súa catalogación. Ademais, este tipo de iniciativas tamén poden contribuír ao desenvolvemento sostible da costa e con el, á súa revitalización.
Catálogo de bens cultural do litoral, ferramenta inédita en Galicia
Cómpre lembrar que o Catálogo de bens de valor cultural do litoral é unha das primeiras medidas estratéxicas impulsadas pola Xunta en aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que inclúe dentro das actuacións clave para o desenvolvemento sostible da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio cultural existente a pé de mar.
Neste sentido, trátase dunha ferramenta inédita en Galicia que permitirá dar un salto cualitativo na xestión do patrimonio costeiro xa que impulsará a rehabilitación e posta en valor de bens ligados ao mar cun valor arquitectónico, histórico, cultural ou industrial co fin de darlles unha segunda vida.
A partir de aí e grazas a un exhaustivo traballo de campo realizado este verán nos 86 concellos costeiros galegos, o inventario inicial foi ampliado e enriquecido, tanto cuantitativa como cualitativamente, dando lugar ao catálogo que se someterá agora a información pública durante un mes.
Identificáronse en total 1.582 bens no litoral galego e en función das tipoloxías previstas na Lei do patrimonio cultural de Galicia, a meirande parte (630) aparecen clasificados como de tipo arquitectónico; 392 son arqueolóxicos; 348 son etnolóxicos; 182 encaixan na categoría industrial; e 12 cualifícanse como artísticos. A maiores, hai outros 18 bens incluídos no catálogo pero pendentes aínda de confirmar en cal dos grupos se clasifican, xa que poderían encaixar en varias tipoloxías.
Toda a información recompilada sobre cada un dos bens inventariados —que se presenta a través das correspondentes fichas, de forma individualizada ou agrupada segundo o caso— está á disposición do público en xeral no Portal de transparencia dende o pasado 1 de decembro, e os interesados poderán presentar as súas achegas e posibles alegacións ao Catálogo.






