O Día das Bibliotecas ofreceu un cantacontos a cargo do músico Pablo Díaz dirixido á cativada de 0 a 3 anos, nunha fin de semana na que a ordense Aira Portos proxectou o seu documental Praza do Punto
A música de Pablo Díaz foi a protagonista, a pasada fin de semana, no Día das Bibliotecas no Concello de Ordes. O músico infantil acudiu esta fin de semana ata o municipio, no que ofreceu un cantacontos para meniños e meniñas de 0 a 3 anos.
As 30 prazas que se ofreceron cubríronse ao completo en pouco tempo, o que dá conta da aceptación e o interese que no municipio hai por este tipo de actividades. Para levala a cabo, nesta ocasión o Concello contou coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural.
Asemade, tamén durante a fin de semana a Casa da Cultura de Ordes acolleu a proxección da curtametraxe documental Praza do Punto, da realizadora local Aira Portos, sobre a fábrica téxtil de Viriato e que foi seleccionada polo Ventura Play-Doc 2025. Tras a proxección, os asistentes puideron participar nun coloquio coa directora sobre a curta, e que agora Portos transformará nunha longametraxe para o cal a súa autora solicitou a colaboración veciñal na procura de material para a fase de documentación.
A ordense Aira Portos dirixíu este proxecto para o que contou tamén con Gabriel Ces na produción, Noa Romero na fotografía e Breixo Barreiro na documentación. Todos eles contan con estudos en comunicación audiovisual e asinan conxuntamente o guión.
Praza do Punto recibiu o premio á mellor peza na categoría Escolas Galega do FICBUEU 2025, e foi un dos sete proxectos seleccionados polo laboratorio de creación Ventura de Play-Doc, espazo de referencia celebrado en Tui para o impulso do cinema galego contemporáneo e que reúne proxectos de diversas autorías e xeracións. Grazas a este recoñecemento Praza do Punto converterase agora nunha longametraxe.




