PUBLICIDADE

A SD Negreira chegou a “asustar” á Real nunha eliminatoria de Copa para o recordo

(Fotos: Mónica Montero)

O García Calvo encheuse de afeccionados para animar a unha SD Negreira que plantou cara aos donostiarras, sobre todo na primeira metade dun partido que o adestrador do conxunto vasco definiu como “de poder a poder”

A SD Negreira non puido cumprir o soño de seguir avanzando na Copa do Rei e dar a sorpresa na eliminatoria do torneo do KO ante un Primeira División como a Real Sociedade. O conxunto vermellón plantou cara aos donostiarras, sobre todo nos primeiros 45 minutos nos que o conxunto local contou con varias ocasións de gol nun García Calvo con 3.000 afeccionados que animaron un partido histórico e que quedará para sempre no recordo.

Ao final, a Real Sociedade venceu ao Negreira por 0-3, con goles de Goti, Zakharyan e Turrientes. Un resultado que non reflicte a gran actuación dos locais que dominaron o primeiro tempo durante moitos minutos e que xogaron de tú a tú aos donostiarras todo o encontro, a pesar das grandes diferenzas.

PUBLICIDADE

Os de Adrián Vázquez contaron con varias ocasións de empatar o enfrontamento antes do descanso, e despois de que no minuto 12, Goti abrira o marcador. Un tanto que non afectou aos xogadores locais que se manteron firmes no seu xogo. As esperanzas de dar a sorpesa seguían vivas na reanudación. A SD Negreira recibía entón o segundo tanto donostiarra no minuto 53, obra de Zakharyan, mais non baixou os brazos, aínda que o cansancio, froito do esforzo, comezaba a facer efecto nos xogadores que seguían intentando reducir diferenzas cos vascos.

A SD Negreira intentouno en varias ocasións, máis foi a Real Sociedade quen conseguiu batir ao porteiro Acuña no minuto 80, deixando practicamente sentenciado o partido. Os locais non se amedrentaron e manteron un gran nivel. Xa no tempo de desconto, Freire contou cunha magnífica oportunidade de anotar o gol da honra, mais o balón deu no pau.

Así, a SD Negreira dixo adeus a unha eliminatoria histórica na que plantou cara en todo momento á Real Sociedade que se tivo que empregar a fondo ante un conxunto vermellón que estivo á altura das circunstancias, igual que a súa afección, e que onte escribiron unha páxina importante na historia do club.

Sergio Francisco Ramos: “Unha primeira parte de poder a poder”

Sergio Francisco Ramos, adestrador da Real Sociedade manifestou ao remate do encontro que a primeira parte da eliminatoria, que se pechou cun 0-1 no marcador, foi “un partido de poder a poder”. Neste sentido, o técnico da SD Negreira, Adrián Vázquez, dixo que “imaxinade, si eso dio Sergio Francisco, non podemos estar máis que felices”.

“O que nós queriamos era ser un equipo competitivo, e penso que o fomos, mesmo por momentos conseguimos asustar un pouquiño á Real Sociedade que son palabras maiores”, asegurou o técnico ao remate da eliminatoria. “Non me podo sentir máis orgulloso dos xogadores, do seu esforzo e do partido que fixeron”, sinalou na sala de prensa tras un gran encontro dos locais, que aínda que rematou 0-3, pudieron poñer a guinda a unha noite histórica marcando un gol nos intres finais.

“Foi un luxo de ambiente e que quedará para o recordo, non só para os que estabamos no campo se non tamén para todos os afeccionados que encheron o García Calvo, foi histórico”, destacou o adestrador do Negreira que explicou que durante a primeira parte, nos minutos nos que o seu equipo máis plantou cara á Real Sociedade e tivo varias ocasións de gol, “sentímonos nerviosos, e tes a duda de como vai a reaccionar o equipo, mais empezamos a ser como na liga, ese conxunto valiente, un equipo que vai por eles, e só podemos sentirnos moi contentos”, insistiu o adestrador.

Pola súa banda, o capitán da SD Negreira, Juan Diego, declarou ao remate da eliminatoria da Copa do Rei que “aínda non somos conscientes do momento que vivimos aquí no García Calvo, con tanta xente nas gradas e que foi unha gozada”.

A SD Negreira tivo varias ocasións claras que puideron mudar o devenir do encontro. Neste sentido o capitán afirmou que “non creo que cambiara nada co feito de que marcásemos un gol ou non; ao final estamos contentos co resultado que obtivemos, plantámolles cara nalgúns momentos a un conxunto de Primeira sendo un equipo de Preferente Autonómica, e a pesar de que a diferenza ten que ser abismal, non se viu tanta diferenza”, sentenciou.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.