A SD Negreira afronta mañá, no García Calvo ás 21.00 horas, unha eliminatoria histórica fronte ao equipo vasco de Primeira División
A SD Negreira afronta mañá (García Calvo, 21.00 horas) o encontro máis importante da súa historia. O equipo galego que milita na Preferente recibe á Real Sociedade, un Primeira División que conta nas súas filas con xogadores como Oyarzabal, Kubo ou Oskarsson.
O conxunto vasco non está a atravesar o seu mellor momento na Liga, xa que se atopa no posto 17 da clasificación, o que fai medrar as esperanzas da SD Negreira e dos seus afeccionados de acadar un fito histórico para o deporte da vila. O que xa é certo, é que esta eliminatoria poñerá no mapa futbolístico á localidade cuns 7.000 habitantes, que encherán o García Calvo para animar ao seu equipo.
A SD Negreira chega a este histórico encontro tras superar á Sociedade Téxtil Escudo, de Cabezón de la Sal en Cantabria, despois dunha eliminatoria que perderon na ida por 2-1 e que remontaron no partido de volta no García Calvo, o pasado 4 de outubro, cun contundente 4-0. Os galegos, conseguiron clasificarse para esta primeira eliminatoria tras gañar por 1-0 na final da Supercopa de Galicia á Cultural Areas.
O Concello de Negreira e o club están a facer un esforzo importante por estar a altura, preparando con mimo o García Calvo para recibir á Real Sociedade, xa que son conscientes do que representa para un municipio e club humildes afrontar unha eliminatoria deste calibre.



