Os máis rápidos na carreira de escolares foron Alejandro Couselo e Debris Paniagua, nunha edición na que tomaron a saída un total de 3.364 atletas
A 46ª Carreira Pedestre Popular de Santiago, que organiza El Correo Gallego, volveu encher as rúas de Compostela de atletas, nunha cita que contou na liña de saída, na avenida de Xoán XXIII, cun total de 3.364 corredores, dos cales 2.197 participaron na categoría escolar e 1.167 na proba absoluta.
David de la Fuente, do Club Deportivo Pinarium, conseguiu o triunfo na Praza do Obradoiro no grupo masculino, mentres que Uxía Pérez, do AF Celta, fixo o propio no feminino. O bo tempo acompañou á proba en todo momento dende que se deu a saída á carreira absoluta ás dez da mañá. Un pistoletazo de saída que correu a cargo do vigués Carlos Adán, vencedor da Pedestre nas edicións de 1996 e 2000.
O salmantino De la Fuente, recente subcampión de España de 5.000 metros en ruta en Palma de Mallorca, conseguiu o triunfo, na súa primeira participación na cita compostelá, nos metros finais, nun esprín fronte ao corredor Iván Puentes do Atletismo Narón, pechando o seu percorrido cun tempo de 00:36:29 minutos, avantaxando en só unha milésima ao naronés. O terceiro no podio foi Mehdi Elnabaoui, parando o crono en 00:36:52 minutos.
Pola súa banda, a tudense Uxía Pérez, terceira na pasada edición, non deu opcións as súas rivais, e atravesou a liña de meta en solitario, completando o percorrido en 00:43:03 minutos. A segunda clasificada foi a corredora do Marineda de Atletismo Lara Solsona (00:45:03). E, o terceiro caixón do podio ocupouno Begoña Domínguez, do Ourense de Atletismo, que investiu 00:46:16 minutos en completar os 12 quilómetros da proba compostelá que superou o récord de participación postpandemia.
Carreira de escolares, con 2.197 participantes
A atleta Fátima Paz, gañadora da categoría escolar da primeira edición da Carreira Pedestre en 1978 e da absoluta no ano 2000, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída á proba de escolares, ás 11.30 horas, que contou na liña de saída cun total de 2.197 atletas.
Alejandro Couselo (Club Atletismo Tambre) e Debris Paniagua (Seminario Menor da Asunción) proclamáronse campións de escolares cun tempo de 00:24:55 e 00:26:16 minutos, respectivamente. Por detrás de Couselo, e completando o podio, chegaron á liña de meta Pablo Vázquez, do Club Atletismo Narón, que detivo o crono en 00:25:35 minutos, e Mauro Fuentes, do Club Triatlón Inforhouse Santiago, que rematou terceiro cun tempo de 00:25:39 minutos.
No grupo feminino, e por detrás de Debris Paniagua, chegaron á praza do Obradoiro a súa compañeira de centro e irmá, Demeku Paniagua, que foi segunda, e Sabela Martínez, da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, que completou o podio. Demeku atravesou a meta a tan só sete milésimas da súa irmá (00:26:23 minutos) e Martínez acadou o terceiro posto cun tempo de 00:26:59 minutos.



