O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou hoxe “a irresponsabilidade do goberno do BNG e CA por ter o parque de bombeiros de Santiago pechado este luns, por primeira vez dende a súa creación en 1921, e un só policía patrullando e, a maiores, ter a pouca vergoña de sinalar como culpables e poñer na diana a nuns profesionais, como son os bombeiros e a policía local, que non cobran as súas nóminas completas, xa que dende hai case un ano teñen as horas extras sen pagar”.
“Preguntámonos -dixo Verea- que máis ten que pasar?, non lles parece suficiente ter un parque de bombeiros practicamente sen actividade e cun concelleiro responsable que é incapaz de atopar unha solución ante unha situación extremadamente grave?”.
O líder popular subliñou que “estamos ante unha alcaldesa neglixente, porque a súa indolencia está a por en risco a vida dos profesionais, dos bombeiros, dos cidadáns e da veciñanza, ademais deixou á cidade sen policía local de patrulla, so hai un policía na rúa”
“Repetimos: que máis ten que pasar?, cunha alcaldesa que é unha neglixente e cun goberno de BNG e CA que non está capacitado nin para dirixir unha comunidade de veciños?, son un auténtico perigo público e o mellor que poden facer, porque lle están facendo moito dano a esta cidade, é pedir perdón e marcharse a súa casa”.
MUÍÑOS RECLAMA MEDIDAS URXENTES PARA GARANTIR O FUNCIONAMENTO DO SERVIZO
Gonzalo Muíños instou á Alcaldesa a dar explicacións públicas pola situación “moi grave vivida nas últimas horas no servizo de bombeiros da cidade, que quedou baixo mínimos e inoperativo durante 24 horas por falta de persoal”. Segundo explicou o concelleiro non adscrito, “Santiago contou cunha dotación de só seis profesionais o sábado e unicamente tres o domingo, o que fixo imposible que o servizo puidese atender ningunha saída durante o segundo día”.

“É a primeira vez en máis de cen anos que o parque de bombeiros de Santiago permanece inoperativo por falta de persoal: un feito histórico que ningún goberno responsable pode permitirse” denunciou Muíños que reclama a posta en marcha de medidas urxentes para evitar que esta situación se repita a vindeira semana. Segundo alerta, a previsión é que o fin de semana próximo o servizo dependa só de catro bombeiros, o que imposibilitaría novamente que puideran acudir a calquera incidencia.
Lembra que “este sábado houbo dous incendios case simultáneos que tiveron que ser atendidos pola mesma dotación, o que obrigou á intervención dos bombeiros de Boiro no incendio dun vagón na estación de tren, mentres se atendía outro lume nun local de hostalaría na Praza de Galicia”.



