PUBLICIDADE

A Xunta aposta nos orzamentos por un reforzo no gasto social

Miguel Corgos, explicou o proxecto de Orzamentos para Galicia para o vindeiro ano

O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026, unhas contas nas que a Xunta aposta por un reforzo sen precedentes do gasto social e polo impulso do tecido produtivo da man da innovación. Deste xeito, as contas para o vindeiro ano suben un 2% global, cun incremento dun 3,1% nas políticas sociais e un 9% no I+D+i.

Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma, e será unha das primeiras comunidades en facelo coa previsión de que poIdan entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2026.

Trátase duns orzamentos que son, segundo salientou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, “a folla de ruta e o instrumento do Goberno para dar resposta ás necesidades do país e da súa cidadanía, algo que non se pode facer con ferramentas obsoletas”, explicou.

PUBLICIDADE

As contas autonómicas superan os 14.000 millóns de euros (14.240 M€) e a principal prioridade do Goberno galego é o gasto social. Tres de cada catro euros dedícanse a sanidade, educación e política social, así como para levar a cabo políticas de emprego para impulsar o crecemento futuro de Galicia.

O Orzamento de 2026 dedica 10.588 millóns de euros a gasto social, 321 millóns de euros máis que o deste ano, cun incremento do 3,1%.

SANIDADE, EDUCACIÓN, POLÍTICA SOCIAL E EMPREGO

A partida para Sanidade refórzase en cada exercicio. Para o vindeiro ano destínanse 5.640 M€ que irán destinados á sanidade preventiva, co mellor calendario de vacinación de España e un novo pulo aos cribados de distintos tipos de cancro. Tamén se mellorará a dotación en Atención Primaria e se reforzará o programa de saúde mental, ademais de darlle continuidade a programas como Obesidade 0, prevención da drogradición e prevención e control das enfermidades transmisibles.

Tamén se seguirá modernizando a rede hospitalaria e de centros de saúde coa finalización do hospital de Montecelo en Pontevedra e o pulo aos de Ferrol, A Coruña, Santiago e Ourense, así como melloras nos hospitais comarcais da Mariña, Monforte, Barbanza e Verín.

O investimento en Educación é a aposta máis clara polo futuro de Galicia. Con 3.020 M€ vaise  consolidar unha educación pública gratuíta, inclusiva e con igualdade de oportunidades, desde infantil hasta a Universidade, con reforzo para comedores escolares e transporte e para seguir prestixiando a FP e favorecer a cobertura de profesións con alta demanda.

No que se refire á Política Social, as contas do 2026 dedican 1.482 M€ para apostar polo benestar social e o coidado dos que máis o necesitan: os maiores, as persoas con dependencia e as familias. Para iso daráselle un pulo á dependencia, incrementaranse as prazas residenciais e consolidarase a gratuidade das garderías.

Para fomentar a creación de emprego estable, de calidade, e axeitado á demanda, as contas de 2026 recollen 444 M€, cos que seguir traballando para adecuar a capacitación e formación ás demandas laborais actuais, o retorno de emigrantes, e o apoio aos autónomos.

IMPULSO Á VIVENDA E REBAIXAS FISCAIS

As contas continúan co impulso a vivenda que se comprometeu ao comezo de lexislatura, incrementándose o parque de vivenda pública para acadar as 8.000 vivendas comprometidas, reforzar a promoción e xestión da vivenda con destino a venda ou alugueiro, así como de solo residencial. Así mesmo, seguirase co programa de alugueiro e coas axudas para mercar baixos comerciais e transformalos en vivenda pública, así como para a rehabilitación de vivendas no rural.

Este impulso á vivenda refórzase tamén con rebaixas fiscais para as familias monoparentais. Estas súmanse aos outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), o cal pode chegar ata a súa eliminación.

Aproveitando unha figura exclusiva do Dereito Civil galego, o contrato vitalicio, rebáixase a tributación para aqueles que cedan un inmoble á persoa que os coide. E increméntase o límite do prezo da vivenda de 200.000 a 240.000 euros, máis 30.000 euros por membro da unidade familiar, para poder beneficiarse dos tipos reducidos do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAXD).

As novas rebaixas fiscais volven centrarse nos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, ou a dos impostos ás persoas prexudicadas polos incendios do verán, así como as deducións para libros e material escolar. Os orzamentos do ano que vén, ademais, consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.

ECONOMÍA PRODUTIVA

 As contas galegas para o vindeiro ano apostan tamén pola economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade, e para que Galicia siga sendo punteira en sectores estratéxicos como a automoción, o naval, a cadea mar-industria e a seguridade. Da man da innovación, con algo máis de 400 M€ para o desenvolvemento de iniciativas no eido do I+D+i, Galicia seguirá apostando por infraestruturas e tecnoloxías de última xeración como a Factoría IA, o Cesga, o Polo de Rozas, a creación da Fundación Galtia ou a posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia e de CAR-T.

Nos orzamentos do vindeiro ano refórzanse os recursos propios perante a caída dos fondos MRR, pois teñen que estar executados antes do vindeiro 31 de agosto. É por iso que case a totalidade do presuposto de 2026 (o 99%), estará sustentando en financiamento ordinario.

As contas de 2026 serán as terceiras de xeito consecutivo que non teñen endebedamento, xa que o Goberno galego blindou a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas. Deste xeito, continúase unha senda descendente da ratio débeda/PIB que se prevé que se achegue ao 13% en 2026, catro anos antes do obxectivo previsto inicialmente para 2030.

En resumo, os orzamentos de Galicia para 2026 reforzan o gasto social, que aumenta en recursos e en peso, o máis alto da historia, dan un novo pulo á vivenda pública e priorizan a economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade. Pero ademais, dotan de recursos as novas competencias do litoral, melloran o coidado do territorio con máis recursos e efectivos, aumentan o apoio aos concellos e comezan a preparar o Xacobeo 2027. E fan todo isto compatible cun novo paquete de rebaixas selectivas de impostos para aliviar a carga fiscal da cidadanía galega.

O BNG censura o “exercicio de ilusionismo” do PP cuns Orzamentos “que en realidade decrecen e recortan en servizos”

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, cualificou de “exercicio de ilusionismo” o proxecto de Orzamentos para 2026, “un espellismo –asegurou– cheo de piruetas discursivas e numéricas e cheo de promesas repetidas para tapar a realidade: falta de impulso e falta dun proxecto político para dar a este País unha saída aos seus problemas en servizos públicos, en materia de desigualdade territorial ou para en transformación económica e industrial”.

Presas criticou ao conselleiro Miguel Corgos a “falta de credibilidade” dunhas contas que, segundo anticipou, “van sufrir modificacións e un problema de falta de execución, tal e como sucedeu nestes últimos anos”.

Engade que “malia a propaganda do Goberno do PP, subliñou, son unhas contas que en realidade decrecen, posto que a suba anunciada (+2%, uns 286 millóns de euros de gasto non financeiro) non compensa o 2,7 % de inflación rexistrado en 2024, para o que farían falta case 120 M€ máis. Iso ten unha repercusión na xestión da Administración e na prestación dos servizos públicos esenciais, asegurou aludindo, entre outros, á sanidade, o ensino, a atención no fogar ou o sistema de atención á dependencia”.

 “Negocien por Galiza no lugar de limitarse á estratexia electoralista do señor Feijóo”, díxolle ao conselleiro, a quen tamén instou a corrixir a súa política de rebaixas fiscais para ricos que permanecen nos Orzamentos de 2026, pudendo destinar así máis recursos á prestación dos servizos públicos. As rebaixas fiscais, lembrou, suporán deixar de ingresar nas arcas públicas 800 millóns de euros, e unha boa parte benefician exclusivamente ás rendas altas.

Respecto aos ingresos, durante a súa intervención para facer unha valoración xenérica dos Orzamentos, a portavoz de Facenda nacionalista puxo tamén o foco no “recortazo” que sofre a Consellería de Medio Ambiente: “É inaudito despois da maior crise de incendios da historia deste País e da evidencia de como avanza a crise climática”, apuntou.

Os socialistas advierten que “os orzamentos da Xunta non están á altura dos desafíos de Galicia”

A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, sinalou que os Orzamentos da Xunta para 2026 “non están á altura dos desafíos de Galicia”.

A responsable socialista criticou que o goberno galego aposte polas rebaixas de impostos “a quen menos o necesita”, beneficiando ao 4 por cento dos galegos e galegas. Ademais, afeoulle que “sigan apostando por amortizar a débeda e pagar os seus intereses no canto de aforrarse un terzo” da contía que debe Galicia simplemente aceptando a quita da débeda que lle ofrece o Estado.

Reclamou uns orzamentos que respondan a un “compromiso coa responsabilidade, coa eficiencia e co benestar da cidadanía”, cunhas contas “sostibles e xustas, que poñan ás persoas no centro e que fagan de Galicia un país máis próspero”. Ao contrario, as contas presentadas polo PP, dixo, renuncian a ingresos para impoñer beneficios fiscais aos máis ricos e rexeitan á quita da débeda, lastrando o crecemento ata o punto de que hai consellerías que medrarán por debaixo do IPC.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.