O Concello de Trazo completou un conxunto de actuacións de mellora da rede viaria na parroquia de Morlán, centradas en reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade peonil e a comodidade dos desprazamentos da veciñanza.
En primeiro lugar, executáronse obras nos accesos aos núcleos de Souto de Abaixo e O Pedrido, que permitiron renovar os firmes, mellorar os puntos de drenaxe e acondicionar os tramos máis deteriorados das vías, garantindo así un tránsito máis seguro e fluído para os vehículos e peóns.
Ademais, realizouse unha importante intervención en Larín, que incluíu a construción dunha nova beirarrúa de 330 metros de lonxitude, un elemento esencial para mellorar a accesibilidade e incrementar a seguridade peonil nunha zona moi utilizada pola veciñanza.
A alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, subliñou que “estas melloras forman parte do compromiso do Goberno local de seguir investindo nas infraestruturas das parroquias, co obxectivo de garantir unhas comunicacións seguras, accesibles e de calidade para todos os veciños e veciñas”.
Estas actuacións en Morlán súmanse ás numerosas obras de mellora viaria que o Concello de Trazo está a desenvolver ao longo do presente mandato en diferentes puntos do municipio, consolidando así unha aposta decidida pola vertebración do territorio e o benestar da poboación rural.



