PUBLICIDADE

O Festimax, Festival Internacional de Maxia de Ames, reuniu a máis de 1.000 persoas

O Festimax ofreceu un amplo programa de espectáculos e obradoiros cos mellores prestidixitadores durante catro xornadas, do 23 ao 26 de outubro

O Festimax, Festival Internacional de Maxia de Ames, celebrou a súa vixésima edición ofrencendo á veciñanza un amplo programa de espectáculos e obradoiros nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Así, os máis destacados prestidixitadores galegos e internacionais despregaron os seus mellores trucos do 23 ao 26 de outubro, nunha cita xa consolidada e que contou coa asistencia de case 1.100 persoas.

Esta nova edición do Festimax foi todo un éxito de asistencia, segundo explicou o alcalde e concelleiro de Cultura de Ames, Blas García, quen precisou que ademais da gran participación tamén tivo unha valaroción “moi positiva” entre o público, que así o manifestou tras a sondaxe realizada á saída das diferentes sesións da Gala Internacional.

O Festimax 2025 subiu o pano, o pasado xoves 23 de outubro, coa estrea do espectáculo Imposible!?, do galego Mago Rafa; e coa actuación O Baúl da Maxia, da caravana da prestidixitadora arxentina Lore Lavand, coa asistencia dun total de 108 e 180 persoas, respectivamente.

PUBLICIDADE

As actividades do festival continuaron o venres 24 de outubro. Nesta xornada tivo lugar unha sesión de maxia para maiores en Bertamiráns, a cargo do mago Antón Noriega. Xa pola tarde, realizouse outra sesión no local de JUPEMI, no Milladoiro, a cargo do mago Román García. Ámbalas dúas sesións contaron coa participación de 80 maiores de Ames.

O Festimax tamén organizaou ao longo destes catro días diferentes obradoiros de maxia, que sempre gozan dunha gran acollida e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. O mago Román García foi o encargado de impartir os talleres nos que lle ensinou aos máis cativos algúns dos trucos máis interesantes da maxia. Un total de 35 nenos e nenas participaron nestes talleres do festival.

A Gala máxica internacional foi novamente o espectáculo que máis espectadores xuntou nas catro sesións programadas, dúas en Bertamiráns e outras dúas no Milladoiro, nas que participaron 644 persoas. O encargado de presentar as galas foi o mago e monologuista catalán Isaac Jurado.

Nesta edición das galas do Festimax de Ames participaron o mago Seimei, de Corea do Sur, que actuou por primeira vez en Europa presentando a súa proposta na que os elementos orientais foron os protagonistas; Marcos Waldemar, mago galego emerxente que foi galardoado no último Congreso Nacional de Maxia; Peio Rivas, de Vitoria e experto na maxia de manipulación de obxectos, unha das ramas máis complicadas do ilusionismo; Diego & Elena, dous artistas de Madrid e que ofreceron unha fusión de acrobacias aéreas coa maxia; e maila maga arxentina Lore Lavand.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.