O Arenteiro Fotográfico, que se desenvolveu por primeira vez no Auditorio Manuel María do Carballiño, contou con 17 exposicións dende o 13 de setembro e ata o pasado 26 de outubro
O Arenteiro Fotográfico 2025 despídese ata o próximo ano tras o éxito de participación desta edición, a primeira no Auditorio Manuel María, e que comezou o pasado 13 de setembro e baixou o pano o domingo 26 de outubto. O público asistenete puido desfrutar de 17 exposicións de temática e perspectivas variadas.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, destacou no acto de clausura do Arenteiro Fotográfico 2025 a boa resposta e acollida do público, o que dá conta da importancia de apoiar as iniciativas culturais, “un eido no que O Carballiño sempre foi moi activo e mesmo pioneiro, con iniciativas coma esta, o festival de teatro ou as Xornadas de Cine e Video de Galicia (Xociviga), que precisamente comezarán o vindeiro 19 de novembro”, precisou o rexedor.
Pola súa banda, Manuel Blanco, presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, impulsora do Arenteiro Fotográfico, valorou moi en positivo esta nova edición: “Estivemos nun local excepcional que creo que serviu para darlle unha maior amplitude e visibilidade á mostra”.
Tamén temos que salientar desta edición do Arenteiro Fotográfico a presenza dun fotoxornalista de nivel mundial como é Gervasio Sánchez, quen nos ofreceu unha magnífica masterclass” (Manuel Blanco, presidente da Asociación Os Potiños)
O Auditorio Manuel María do Carballiño favoreceu a gran afluencia de visitantes, que se achegaron para desfrutar de teatro ou cine, e aproveitaron para descubrir as exposicións fotográficas. “Ao ter centralizada a cultura no Auditorio compartimos público co resto de actividades”, apuntou Blanco no acto de peche. Nese sentido, agradece a colaboración do edil de Cultura, Diego Fernández, e do resto do goberno municipal, pola cesión do espazo.



