PUBLICIDADE

A demarcación do Miño-Sil ten 619 km de ríos en zona de risco significativo de inundación

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil convocou á Xunta de Goberno, o Comité de Autoridades Competentes e o Consello da Agua.A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil convocou á Xunta de Goberno, o Comité de Autoridades Competentes e o Consello da Agua.

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, convocou aos órganos de goberno, participación e cooperación da demarcación. Así, o organismo autónomo, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), emprazou á Xunta de Goberno, o Comité de Autoridades Competentes e o Consello da Agua.

No encontro deuse conta da exposición pública dos documentos iniciais do 4º ciclo de Planificación Hidrolóxica, do novo Plan Especial de Seca e da necesidade do uso sostible e eficiente da auga; e da evolución dos datos das Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación. Así mesmo, abordouse a previsión económica para 2025, entre outros asuntos de interese.

PLANIFICACIÓN HIDROLÓXICA NA DEMARCACIÓN DO MIÑO-SIL

Está aberto o período de consulta e información pública dos documentos iniciais correspondentes ao cuarto ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033. É o cuarto dende a entrada e vigor da Directiva Marco no 2000 e o quinto dende a aprobación do primeiro plan hidrolóxico na conca en 1998. Así, poderanse presentar propostas, observacións e suxestións ata o 20 de xuño de 2025.

PUBLICIDADE

Os documentos iniciais constitúen a primeira fase de elaboración do novo proxecto de plan hidrolóxico para o ciclo 2028-2033. A esta seguiralle a finais de ano o Esquema de Temas Importantes en materia de xestión das augas. A continuación, en 2026 abordarase o proxecto de novo plan hidrolóxico na demarcación do Miño-Sil, que deberá ser aprobado antes do final de 2027.

Estes documentos están conformados por unha descrición das principais actividades a realizar durante todo o proceso planificador, o calendario previsto, o estudo xeral sobre a Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, as fórmulas de consulta, os puntos de contacto para obter a información base, o proxecto de participación pública e a programación para a coordinación dos procesos de consulta pública do plan hidrolóxico cos da Avaliación Ambiental Estratéxica do plan.

Das 287 masas de auga delimitadas na avalaciación da Demarcación do Miño-Sil, 192 teñen un bo estado.
Das 287 masas de auga delimitadas na avalaciación da Demarcación do Miño-Sil, 192 teñen un bo estado.

DESENVOLVEMENTO E SEGUIMENTO DA APLICACIÓN DO PLAN HIDROLÓXICO

En relación co estado das masas de auga, conforme a última avaliación realizada no ano 2023, das 287 delimitadas, 192 masas de auga superficiais teñen bo estado (un 67 %). No tocante ás augas subterráneas, 22 alcanzan o bo estado (92%) e dúas diagnostícanse como malo (8%). O grao de avance do programa de medidas no primeiro ano de vixencia do plan é de 18 %, cun investimento de 82 millóns de euros no ano 2023.

PLAN ESPECIAL DE SECA

O Consello da Auga da Demarcación informou favorablemente da proposta de proxecto do novo plan especial de actuación en situacións de alerta e eventual seca, en cumprimento da Lei do Plan Hidrolóxico Nacional e do Regulamento da Planificación Hidrolóxica.

O proxecto de plan especial de seca tivo dous períodos de información e audiencia pública, cunha achega de 29 escritos de propostas e suxestións, incluíndo 162 observacións. Así, o plan recolle a descrición da demarcación, a identificación de seis unidades territoriais de seca prolongada e escaseza conxuntural, unha descrición detallada das unidades territoriais de escaseza, o rexistro de secas históricas e impacto do cambio climático, así como o sistema de indicadores e índices de estado e as medidas a aplicar en cada escenario para atenuar as consecuencias ambientais, económicas e sociais destes fenómenos.

Así mesmo, incorpora a consideración de estudos nacionais (CEDEX) e internacionais (IPCC, JRC, AEMA) sobre adaptación ao cambio climático e a súa incidencia na xestión das secas. Segundo o presidente da CHMS, unha vez aprobado definitivamente, este proxecto constituirá o terceiro plan de seca da Demarcación. Neste sentido, salientou que é fundamental a colaboración de todas as administracións e a concienciación cidadá no uso sostible e eficiente do recurso da auga.

AVALIACIÓN PRELIMINAR DO RISCO DE INUNDACIÓN

A proposta final da CHMS para os tramos seleccionados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs), elevada ao Comité de Autoridades Competentes e aprobada, conclúe que a demarcación do Miño-Sil ten 618,99 quilómetros de ríos en zona ARPSIs, repartidos en 26 agrupacións.

“É importante destacar que 569,23 quilómetros corresponden a ARPSIs que se manteñen iguais que no 2º ciclo; 33,84 quilómetros ARPSIs que se ampliaron respecto ao 2º ciclo; e 15,92 quilómetros ARPSIs que se propuxeron novas neste terceiro ciclo”, explicou o presidente da CHMS.

DATOS ECONÓMICOS

Durante o exercicio 2024 prorrogáronse automaticamente os orzamentos iniciais do exercicio anterior. A falta da rendición da conta, segundo os datos provisionais operantes no sistema de contabilidade, a execución do orzamento de gastos alcanza o 65 % do orzamento inicial, 6 puntos máis que no exercicio precedente e 10 máis que en 2022. Polo que respecta ao orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos ascenden ao 89% da previsión inicial de ingresos.

Como explicou José Antonio Quiroga, a día de hoxe non foron aprobados os orzamentos xerais do Estado de 2025, polo que dende o 1 de xaneiro prorrogáronse automaticamente os do exercicio anterior. Non obstante, a proposta de orzamento da CHMS para 2025 ascende a 52,8 millóns de euros, un 9,72% máis con respecto ao vixente.

Polo que se refire aos ingresos, o máis destacable é que a previsión de ingresos para o exercicio 2025 prescinde das transferencias de capital da Dirección Xeral da Auga, xa que se prevé que os recursos propios do organismo serán suficientes para facer fronte aos gastos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.