PUBLICIDADE

A Xunta inviste 50.000 euros no fomento da contratación de mulleres en sectores masculinizados en Ferrolterra

Aneiros e Couce visitaron Camoga e outros SL, que contratou a unha técnica en construción cunha subvención autonómica de 15.000 euros.Aneiros e Couce visitaron Camoga e outros SL, que contratou a unha técnica en construción cunha subvención autonómica de 15.000 euros.

A Xunta concedeu este ano axudas por valor de 49.500 euros a dúas empresas de Ferrolterra para a contratación de tres mulleres en sectores masculinizados. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución da convocatoria no marco dunha visita a unha das firmas beneficiarias, Camoga e outros SL. Esta recibiu unha subvención de 15.000 euros para a contratación dunha técnica en construción.

Aneiros estivo acompañada na visita polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce. Alí lembrou que Galicia foi pioneira o pasado ano en poñer en marchas estas axudas dirixidas aos sectores tecnolóxicos ou industriais de alto valor engadido. Exemplos son as TIC ou actividades profesionais científicas e técnicas como enxeñería en construción e obra civil, enxeñerías vinculadas co deseño e análise de software ou profesións ligadas ás ciencias químicas e ambientais.

A delegada territorial puntualizou que o obxectivo é reducir a fenda de xénero que aínda existe nalgún ámbito. Así mesmo, avanzou a continuidade desta orde de axudas á que a Xunta destinará este ano 1,7 millóns de euros no marco dos máis de 20 millóns de euros do Programa Galicia Emprega, analizado onte no Consello da Xunta. “Desde o Goberno galego apostamos por políticas que axuden a equilibrar a presencia masculina e feminina nas profesións emerxentes e de futuro a través de convocatorias coma esta, coa que se da cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia”, indicou Aneiros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.