PUBLICIDADE

Fene mellora o abastecemento na rúa Travesa e o camiño do Inferniño

PorBisbarra

Martes, 14 Xaneiro 2025 , , ,
Fene investirá 61.511,65 euros en mellorar a rede de abastecemento.Fene investirá 61.511,65 euros en mellorar a rede de abastecemento.

O Concello de Fene iniciou os traballos de mellora da rede de abastecemento na rúa Travesa e no camiño do Inferniño. Esta actuación supón un investimento de 61.511,65 euros. O proxecto contempla a substitución das actuais tubaxes de fibrocemento por novas conducións de polietileno de alta densidade. Con estes traballos garántese unha maior durabilidade, a redución de perdas de auga e unha mellor calidade no servizo.

O concelleiro e Obras, Manuel Polo, explicou que tamén se procederá á reposición do firme e á mellora da sinalización horizontal na zona de actuación. “Durante o desenvolvemento dos traballos será necesario cortar o tráfico temporalmente en certos puntos, pero tomaranse todas as medidas necesarias para minimizar os inconvenientes e garantir a seguridade”, apuntou o edil.

Os traballos terán un prazo de execución duns tres meses. “Responden a unha necesidade fundamental para o concello, dado que a rede existente tiña limitacións importantes debido ao seu estado de conservación”, destacou o alcalde fenés, Juventino Trigo. O rexedor engadiu que “seguimos a traballar para modernizar as infraestruturas municipais nas diferentes parroquias para ofrecer á veciñanza fenesa uns servizos públicos de calidade”.

PUBLICIDADE

Con esta intervención, financiada a través do Programa POS+2023 da Deputación da Coruña, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa mellora das súas infraestruturas básicas, apostando pola eficiencia e a sostibilidade no ámbito municipal.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.