O centro cultural Marcos Valcárcel acolleu unha reunión de coordinación entre representantes das administracións provincial, autonómica e estatal, ademais da Dirección Xeral de Tráfico e Garda Civil, para intercambiar información sobre incidencias, obras ou estado das estradas que discorren pola provincia de Ourense. Así mesmo, compartiuse información sobre as campañas que se realizan en materia de seguridade viaria.
Na reunión, de carácter trimestral e convocada cada vez por unha das administracións, participaron o xefe da Unidade de Estradas do Estado, Álvaro Rodríguez; o xefe do Servizo Provincial de Ourense da Axencia Galega de Infraestruturas, Marcos Buide; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; o xefe do Subsector de Tráfico de Ourense da Garda Civil, Javier Barja; e como anfitrioa a directora da Área de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Marta Docampo.
Os representantes das administracións que xestionan estradas públicas expuxeron a relación de obras previstas durante o próximo trimestre ou xa en curso. Tamén se analizou a mellora das interseccións en puntos de conexión entre estradas autonómicas e provinciais e autonómicas e estatais.
Ademais, debatéronse posibles solucións aos problemas recollidos nos informes de seguridade viaria redactados polo Subsector de Tráfico da Garda Civil.
Pola súa banda, o xefe provincial de Tráfico repasou as medidas adoptadas para o control da velocidade de vehículos, que inclúen puntos da rede provincial onde se teñen rexistradas queixas por parte da veciñanza dos núcleos que atravesan estas vías.