PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Román Rodríguez anuncia novas actuacións de mellora no colexio de Trazo

PorBisbarra

Xoves, 19 Setembro 2024 , , , ,
O conselleiro de Educación visitou o centro, no que se vai reparar o tellado da pista exterior e arranxar a fachada do edificio de Secundaria e a escaleira contraincendios

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou novas actuacións de mellora no Colexio CPI de Viaño Pequeno de Trazo. Nunha visita ao centro, explicou que nos próximos meses se vai acometer a reparación do tellado da pista exterior, así como o arranxo da fachada do edificio de Secundaria e da escaleira contraincendios.

O titular do departamento educativo da Xunta enmarcou este investimento na aposta do Goberno galego polo ensino rural. “Galicia ten un modelo educativo de proximidade, de feito o 90% dos concellos teñen un centro de Infantil e Primaria, fronte ao 55% de España”, explicou o conselleiro, poñendo en valor o investimento do Goberno galego para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado no rural.

As novas obras, por importe de arredor de 100.000€, súmanse ao investimento realizado xa neste centro nos últimos anos, que supera os 500.000€. Entre as actuacións xa rematadas cómpre salientar a mellora da eficiencia enerxética acometida (preto de 260.000€), que incluíu a reparación da fachada principal e melloras na cuberta, así como cambio de parte das fiestras.  Ademais, o ano pasado trasladouse o aulario de Infantil ao CPI para unificar nun único edificio todas as ensinanzas, entre outras melloras realizadas desde 2009.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez recalcou tamén o esforzo inversor da Xunta de Galicia para modernizar os centros educativos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Ao seu abeiro, o Goberno galego destina máis de 278M€ a case 2.700 accións de mellora. A provincia da Coruña concentra máis de 1.000 obras, cun investimento de case 100M€.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.