O xurado do premio definiu o traballo gañador como “unha obra narrada cun estilo impecable, cunha habelencia polifónica, na que os relatos van entretecéndose”
O xornalista Alberte Ramos, coa súa obra Pirotecnia, é o gañador do XVIII Premio de Narrativa Breve Repsol. O premio conta co apoio da Xunta de Galicia, dende o seu departamento de Cultura e Lingua, e busca reforzar a creación literaria en galego e promever o uso social da lingua.
O xurado do premio, do que formou parte o secretario xeral da Lingua, Valentín García, definiu a obra gañadora desta XVIII edición do Premio de Narrativa Breve como un texto “narrado cun estilo impecable, que conta cunha habelencia polifónica, na que os sucesos relatados va entretecéndose contrapuntísticamente”.
Valentín García, que estivo acompañado durante a lectura do fallo do premio por Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, polo presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, ou polo voceiro do xurado, Daniel Ugarte, nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitou ao premiado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal, motivos polos cales é digna deste recoñecemento”.
Tamén agradeceu un ano máis á Fundación Repsol “o compromiso que amosa coa lingua e a literatura galegas a través deste premio, consolidado xa como un dos máis prestixiosos da nosa cultura”. O xornalista e escritor recibirá agora a dotación económica do premio de 12.000 euros, ademais da publicación da obra gañadora por Editorial Galaxia.
PERFIL DO GAÑADOR DO PREMIO DE NARRATIVA
Alberte Ramos (Santiago, 1986) licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago no 2009. Comezou a súa andaina profesional no Xornal de Galicia, e tras o peche da cabeceira, colaborou en medios como Praza Pública, Nós Diario ou Luzes, e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.
Comezou a súa creación literaria no 2006 con Dor pantasma, gañando o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo, e conseguiu o premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días e no 2018 con A simetría das bestas.
A súa novela Máscaras rotas para Sebastián Nell foi merecedora do Premio García Barros en 2014. En 2022 publicou Os corpos de Romanov, título galardoado co Premio Narrativa Breve Repsol. Mentres que no ano 2023, levouse o premio Rafael Dieste de textos teatrais coa obra Conxo, no restraint.