A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, asinaron en San Caetano o convenio para executar as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova. Na sinatura deste acordo, estivo tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.
Esta colaboración, que suporá un investimento conxunto que rolda os 285.000 euros, levase a cabo ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, preténdese mellorar a mobilidade da poboación do municipio coruñés.
Tal e como recolle o convenio subscrito, a actuación consistirá na execución de beirarrúas en ambas marxes da rúa Sobreira, previa ampliación do viario existente; e na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara.
En concreto, na rúa Sobreira, proxéctase habilitar beirarrúas que contarán cunha lonxitude duns 175 metros na marxe esquerda, e duns 120 metros pola marxe dereita e disporán dun ancho libre de paso de 1,80 metros. A execución das beirarrúas suporá a ampliación do ancho do viario e nas zonas verdes das novas beirarrúas prevese a plantación dun total de 11 magnolios con cepellón.
Ademais, baixo as novas beirarrúas da marxe esquerda prevese a canalización de rede de saneamento de fecais, e en ambas marxes contémplase a canalización para a recollida de augas pluviais cos correspondentes pozos e sumidoiros e a instalación de rede de iluminación pública.
Nesta rúa Sobreira, tamén prevé o soterrado das redes de distribución eléctrica de baixa tensión e da telefonía, en ambas marxes da rúa. Así mesmo, debido á nova configuración da rúa, será preciso cambiar o emprazamento dos colectores de lixo existentes, que na actualidade se localizan nunha parcela de titularidade privada. Completan a obra a sinalización horizontal e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.
A intervención na Gándara céntrase na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 metros de ancho, previa canalización da tubaxe de iluminación pública. Completan a obra a reposición do pavimento afectado e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.
Para a materialización destas intervencións, a través desta cooperación, a Xunta achegará o 70 % do orzamento desta intervención, con preto de 199.000 euros, contratará e executará as obras.
Pola súa banda, o Concello de Boimorto asumirá o 30 % restante do custe das obras, algo máis de 85.000 euros; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.