O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou na inauguración do congreso Reforma do mapa municipal de Galicia a importancia do evento para abordar a situación actual na planta local e analizar as distintas formas de cooperación intermunicipal coas que facilitar e garantir a prestación de servizos á cidadanía, en especial nos concellos de menor poboación. Tamén participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.
Diego Calvo incidiu “no apoio da Xunta á xestión compartida de servizos dando prioridade aos proxectos conxuntos nas distintas liñas de axudas e no caso dos procesos de fusión voluntaria de concellos a través do fondo de fusións”.
Nesta liña, o conselleiro de Presidencia aclarou que “son os propios concellos, de forma voluntaria, os que deben decidir os mecanismos máis axeitados de asociacionismo e cooperación intermunicipal -compartindo postos de secretaría, intervención ou tesourería entre varios municipios, agrupacións ou mancomunidades, fusións…- co obxectivo de que a veciñanza teña un acceso igualitario aos servizos con independencia do lugar no que resida e, ao mesmo tempo, se poida facer fronte a desafíos da demografía galega como o avellentamento ou o despoboamento”.
Explicou tamén que “na viabilidade dos concellos ten moito que ver o financiamento local, polo que aclarou que a súa negociación ten que ir asociada á do financiamento autonómico entre o Goberno central e as comunidades. Para compensar os desfases, a Xunta garante a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos mediante o Fondo de Cooperación Local. Así, este fondo sumado a todas as axudas da Xunta ás entidades locais supera os 602 millóns este ano”.