A DEPUTACIÓN colaborará coa nova sede da asociación DOWN OURENSE cunha achega de 50.000 euros
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, visitou as dependencias da Asociación Down Ourense, no barrio das Lagoas, onde foi recibido pola presidenta do colectivo, María Sonia González Sánchez. Alí, Menor comprobou o labor que leva a cabo a asociación, destacando a preparación de procesos selectivos para as administracións públicas nas prazas reservadas a persoas con discapacidade.
Neste sentido, a Asociación Down Ourense axuda a desenvolver unha rutina de estudo que mellora a preparación para o exame de oposición, proporcionando ferramentas que faciliten o éxito nos exames e mantendo a motivación no estudo.
Durante a visita, o presidente provincial anunciou que a Deputación de Ourense adaptará os seus temarios para facilitar o acceso aos procesos selectivos ás persoas con síndrome de Down. “Queremos unha administración provincial aberta e accesible a todas as persoas”, sinalou o presidente provincial.
O ente provincial tamén colaborará coa nova sede da asociación a través dunha achega de 50.000 euros. Dita axuda súmase ás que a institución provincial ven outorgando nos últimos anos a este colectivo en materia de formación para o emprego.
Menor tamén aproveitou para felicitar a Down Ourense polo seu labor con diversos programas de formación para fomentar unha completa integración dos seus usuarios. Así mesmo, salientou que sete membros de Down Ourense gañaron a liga nacional de debate de persoas con discapacidade, bautizado como “Yo tengo opinión”.