COA ADHESIÓN A ESTA AXENDA, BARBADÁS COMPROMÉTESE CO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
O pleno ordinario do Concello de Barbadás aprobou a participación da administración local na Área Funcional Ourense Sur e a Axenda Urbana. A decisión foi aceptada cos votos a favor de todos os grupos políticos, a excepción dos concelleiros do BNG e unha concelleira do Partido Popular.
Trátase dunha guía metodolóxica que propón un “menú á carta” de posibles accións para que os actores públicos e privados que interveñen nas cidades, especialmente as administracións locais, poidan elaborar os seus propios plans de acción e implantación. Así, o Goberno local demostra “o seu compromiso co desenvolvemento sostible”.
A Axenda Urbana Española é unha política nacional urbana, un marco estratéxico non normativo que busca orientar as decisións e as políticas que inciden no territorial e o urbano cunha visión global, integrada e continuada no tempo. Así mesmo, trátase dunha política con capacidade de acelerar a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en todas aquelas metas que teñen un compoñente territorial e urbano e, en particular, o ODS 11 sobre cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.
Cómpre destacar que a Axenda Urbana elabórase para cumprir os compromisos adquiridos por España en varios acordos internacionais. É dicir, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, de Nacións Unidas; a Nova Axenda Urbana (2016), tamén de Nacións Unidas; e a Axenda Urbana para a Unión Europea (2016).
Na Área Urbana Funcional Ourense Sur participan os concellos de Barbadás, Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. As diferentes dimensións e liñas desta formulación estratéxica parten das necesidades detectadas no diagnóstico e das propostas e opinións adquiridas no proceso participativo, no que se realizou un proceso de validación e valoración dos obxectivos e accións principais incluídas no Marco Estratéxico e Plan de Acción da Axenda Urbana da Área Urbana Funcional Ourense Sur.