PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Deputación de Ourense comprométese a mellorar a eficiencia na xestión de residuos

Luís Menor avanzou a taxa de pago por xeración de residuos nas xornadas informativas sobre xestión de residuos na industria en Ourense.Luís Menor avanzou a taxa de pago por xeración de residuos nas xornadas informativas sobre xestión de residuos na industria en Ourense.

A Deputación de Ourense reforza o seu “sólido compromiso coa sostibilidade” cunhas xornadas informativas sobre xestión de residuos na industria. En colaboración coa Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA), celebráronse no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O presidente provincial, Luís Menor, subliñou o medio ambiente como unha das “liñas estratéxicas” polas que aposta no seu mandato e que terán “importantes investimentos”.

Neste sentido, o Goberno provincial xa traballa na folla de ruta para crear un novo modelo de taxa para a recollida de lixo. Esta iniciativa “pioneira e innovadora” permitirá que o usuario pague só polos residuos que xera. Menor destacou que a Deputación de Ourense é a única que presta de modo directo o servizo de xestión de residuos, “moi demandado polos concellos”.

“A xestión eficaz dos residuos non é só un factor esencial para o cumprimento da normativa vixente, senón unha oportunidade para que as industrias fortalezan a súa posición competitiva no mercado”, salientou Menor na clausura das xornadas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A xornada “Protocolos eficaces para a xestión de residuos na industria” comezou cunha benvida a cargo de Marta Nóvoa, presidenta primeira da Deputación de Ourense, e Arancha Mañas, presidenta de APROEMA.

Varios expertos en materia ambiental abordaron durante a xornada asuntos relacionados con obrigas e sancións, xestión documental ou casos de boas prácticas.

PAGO POR XERACIÓN DE RESIDUOS

Unha das principais apostas da Deputación de Ourense para o 2025 no ámbito do medio ambiente será a nova ordenanza que regula as taxas da recollida de residuos. Esta pasa a ter carácter provincial e será xestionada pola Deputación nos 59 concellos que teñen delegada esta competencia.

Esta regulación senta as bases dunha nova estrutura de tarifas, nas que o usuario pagará en función da cantidade de residuos que xera, é dicir, pago por xeración. Este sistema require de importantes investimentos e cambios nos hábitos da cidadanía. Como compensación, os fogares poderán optar a bonificacións de ata o 40 % na tarifa en función da súa colaboración na supresión dos residuos, como poder ser o uso dos puntos limpos ou a compostaxe.

A área de Medio Ambiente terá unha partida de 2,1 millóns de euros para investimento en equipos, vehículos, plantas de transferencia e puntos limpos. O obxectivo é que esta cantidade achéguese aos 4 millóns de euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.