O Concello de Ribadavia acolle o intercambio xuvenil internacional “Democracy: Play Now!”. Esta iniciativa reúne a mozos e mozas de cinco países europeos: Portugal, Romanía, Grecia, Estonia e España. Este proxecto, enmarcado no programa Erasmus+, ten como obxectivo promover a participación democrática e a cidadanía activa entre a mocidade europea.
A primeira xornada arrincou cunha recepción oficial na que participaron o alcalde, César Fernández; a concelleira de Xuventude, Yolanda Gómez; os concelleiros da oposición, Luis Gulín e Maite Rodríguez; a directora territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Sandra Quintas; e o técnico da Oficina de Xuventude de Ribadavia, Manuel Araujo. Nas diferentes intervencións destacaron a importancia de proxectos coma este para fortalecer o tecido social e cultural local. Durante o acto de benvida, os políticos locais tamén explicaron o seu traballo na promoción da participación democrática e o apoio a asociacións comunitarias, facendo especial fincapé na relevancia da mocidade como motor de cambio e desenvolvemento.
Os participantes amosaron gran interese en coñecer de preto as políticas locais, facendo preguntas sobre a implicación da xuventude en Ribadavia e os esforzos para fomentar a súa participación na toma de decisións. En resposta, os representantes do Goberno local destacaron que proxectos coma este axudan a revitalizar a comunidade, especialmente en temas como a fixación de poboación e o impulso de actividades culturais e educativas.
Para o alcalde de Ribadavia, César Fernández, é “unha honra ser sede deste intercambio europeo no que a temática fundamental é precisamente a participación das persoas máis novas na vida social e política dunha comunidade”. Así mesmo, salientou que Ribadavia ten “unha sociedade moi viva e dinámica”.
Ata o remate do intercambio, o vindeiro 22 de novembro, os mozos e mozas participarán en diversas actividades formativas e culturais. Entre estas, salientan o círculo de debate sobre cidadanía activa, a ximcana de descubrimento no municipio, unha visita ao concello, a cerimonia de entrega dos “youthpass” ou xogos de rol sobre sistemas políticos, dinámicas de educación non formal e sesións de reflexión en grupo.