O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Marcos Valiño, e o equipo de AceleraPyme reuníronse con preto dunha quincena de axentes dixitalizadores, que serán os encargados de dar apoio tecnolóxico ás empresas no marco do Proxecto AcelerOU. Na reunión abordaron todas as accións que se porán en marcha no marco desta iniciativa.
AcelerOU nace no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do programa AceleraPyme e que forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025 financiado pola Unión Europea-Next Generation EU. Así, esta iniciativa convértese nun paso máis no obxectivo da Deputación de Ourense de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores ourensáns na súa transformación dixital e modernización.
FUNCIONAMENTO DO PROXECTO ACELEROU
Cando un usuario contacte coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñibles, tanto físicas como itinerante ou virtual, o seu caso será analizado polo equipo AceleraPYME. Así pois, facilitará o trámite das axudas dispoñibles, como é o caso dos programas estatais “Kit Consulting” e “Kit Dixital”.
A partir deste trámite, os axentes dixitalizadores axudarán ao interesado no seguinte paso, materializar o proceso de dixitalización. Asesoría personalizada, desenvolvemento web e de aplicacións, marketing dixital, xestión de clientes ou redes sociais son algúns dos ámbitos nos que os axentes mostraron o seu interese para apoiar aos usuarios.
Tamén se invitou aos axentes dixitalizadores a formar parte dun plan complementario que inclúe xornadas, obradoiros e seminarios de sensibilización, ademais de apoio sobre tecnoloxías dixitais ou talleres teórico-prácticos sobre axudas de financiamento á dixitalización xa existente.
Ao mesmo tempo, ábrese un amplo abano de posibilidades de colaboración dentro do proxecto, como relatorios dos axentes, formación específica ou a presenza nos expositores de AcelerOU en diferentes eventos.