O Concello adicará a gasto corrente 165.000 euros do Plan Adicional
O Concello de San Sadurniño aprobou por unanimidade en sesión extraordinaria e urxente participar no Plan Adicional 02/2024 da Deputación da Coruña. Esta segunda fase do Plan Adicional outorgoulle ao municipio 138.567,65 euros para investimentos financeiramente sostibles e outros 183.959,85 euros para investimentos, sufragar gasto corrente ou ambas finalidades. Así pois, o BNG, o PP e o Grupo Mixto, integrado polo único edil do PSdeG-PSOE, apoiaron a solicitude do POS+ Adicional 02/2024.
O Concello de San Sadurniño destinará todo o importe da primeira partida á reparación da pista O Castro-A Bañoca. Así, concluirase o aglomerado do principal eixo de enlace entre Bardaos e Santa Mariña do Monte, ademais do ancheado e pavimentación da pista dos Corrás. Estes proxectos xa foran aprobados no pleno do POS+ xeral en xaneiro. Así pois, estas actuacións terán un custe conxunto de 156.727,97 euros.
No tocante á outra parte do segundo Plan Adicional, o importe consignado ascendeu a 183.959,85 euros. Neste sentido,o Goberno local optou por fraccionalo en 18.159 euros para as obras de Bardaos e de Corrás e 165.798,7 euros para gasto corrente, concretamente a compensar a suba do canon de SOGAMA e a consumos enerxéticos de luz e combustible.
PLENO EXTRAORDINARIO E URXENTE
En anos pasados, a cuestión do reparto do Plan Adicional resolveuse cun decreto da Alcaldía, pero nesta ocasión a Deputación insistiu en que o acceso aos fondos provinciais e o seu destino contasen co visto bo do pleno.
Así pois, o Goberno local convocou un pleno urxente dun día para outro, o que propiciou a crítica do PP por non ter recibido a documentación cos asuntos a tratar ata o serán do día anterior. Neste senso, o executivo local argumentou que a urxencia derivaba do cambio de criterio da Deputación e xustificou a tardanza no envío da documentación por un erro administrativo. Neste punto interviu a secretaria municipal para pedir escusas pola incidencia, aínda que a información estaba a disposición dos grupos desde pola mañá no apartado de órganos colexiados da Sede Electrónica.