ADICARÁ O PLAN ADICIONAL A ARRANXAR AS VÍAS NA PEDRA E CARIÑO DE ARRIBA
O Concello de Cariño aprobou por unanimidade en pleno extraordinario participar na segunda fase do Plan Adicional da Deputación da Coruña. Neste sentido, empregarase a achega provincial no financiamento de proxectos de mellora da seguridade viaria.
Así pois, o máis relevante afectará á parroquia da Pedra, máis concretamente no lugar de Lourido. Alí ampliarase e arranxarase a calzada. No tocante á segunda actuación, consistirá na renovación da rúa Fernández Flórez, en Cariño de Arriba.
Pola outra banda, o pleno extraordinario tamén aprobou solicitar a participación no Plan Adicional 3/2024. Neste caso, está previsto destinar a achega á redución da débeda coa institución provincial.
Así, a alcaldesa de Cariño, Ana María López, explicou que a mellora das infraestruturas municipais é unha das prioridades do Goberno local. “Todas estas obras son necesarias e nos próximos meses seguiremos traballando para mellorar o municipio para todos os veciños e veciñas”, asegurou.
ACTUACIÓNS RECENTES E FUTURAS
Nas últimas semanas, o Concello de Cariño realizou obras de mantemento en varios puntos do municipio. Neste sentido, salientan o arranxo das fendas nunha parede do CEIP Manuel Fraga Iribarne e o acondicionamento e as tarefas de limpeza no Punto de Atención á Infancia.
A maiores, o executivo cariñés pretende acometer máis melloras nos vindeiros meses. Actualmente está estudando a posibilidade de poñer un novo sistema de sumidoiro en Lourido. Así mesmo, valora a creación dunha pequena planta de depuración para solucionar os problemas vencellados coas augas domésticas.
Segundo a rexedora cariñesa, está medida podería solucionar a problemática existente e “é unha alternativa a valorar ao tratarse dunha zona sen caída”. Segundo explicou, esta medida xa se realizou noutras localidades e os resultados foron positivos.