O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, participou esta mañá, no Parque Tecnolóxico de Galicia, na inauguración da xornada “Galicia segura: innovación e ciberseguridade”. Neste IV Encontro galego de ciberseguridade tamén participaron a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e o director de Tecnópole, Javier Taibo.
Na súa intervención, Luís Menor puxo en valor o compromiso e sensibilidade da Deputación de Ourense coa ciberseguridade, sendo un dos membros fundadores do nodo galego de ciberseguridade, CiberGal. Un compromiso que continúa a materializarse a través de distintos proxectos como o “AcelerOU”, co que a Deputación impulsa a transformación dixital das pequenas empresas ourensás. Este proxecto suporá un investimento de 474.224,60 euros e pretende chegar a 1.000 pemes. Neste sentido, pretenden que polo menos o 30% das axudas se destinen a mulleres.
Así mesmo, o presidente da Deputación destacou as obras en execución do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, “outra aposta da Xunta pola nosa provincia que dará unha resposta excepcional á altura do capital humano que temos en Ourense”, engadiu.
Neste sentido, o presidente provincial agradeceu ao goberno autonómico que hai 30 anos apostara pola provincia de Ourense para instalar o Parque Tecnolóxico de Galicia, que crea emprego e xera riqueza na provincia.