O pleno do Concello de Ferrol tivo como protagonistas ás persoas maiores, que ocuparon as bancadas da corporación e o público. Durante a sesión, usuarios da residencia de maiores de Caranza, da residencia Mi Casa ou da universidade sénior, entre outros, exerceron de concelleiros. Así, debateron sobre diferentes cuestións de interese para este colectivo.
Entre os temas abordados, salientan a soidade non desexada, a necesidade de poñer en valor a experiencia de vida, propostas e actividades dirixidas á terceira idade ou a adaptación da cidade para as persoas con problemas de mobilidade.
Antes do inicio do pleno, o alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, afirmou que “Ferrol é cidade amigable coas persoas maiores”, tal e como declarou a Organización Mundial da Saúde. Neste sentido, o rexedor expresou que o Goberno local traballa “no fomento do envellecemento activo e en mellorar a calidade de vida a medida que a idade avanza”.



