PUBLICIDADE

A Federación EFA Galicia impulsa alianzas internacionais para a formación, o emprego e a integración no rural galego

A Federación EFA Galicia recibiu a unha delegación internacional con representantes da Finn Church Aid e Talent Beyond Boundaries.A Federación EFA Galicia recibiu a unha delegación internacional con representantes da Finn Church Aid e Talent Beyond Boundaries.

A Federación EFA Galicia acolleu esta semana a visita institucional dunha delegación internacional formada por representantes de dúas organizacións que traballan no ámbito da cooperación internacional e da mobilidade laboral. Trátase da Finn Church Aid (FCA) e Talent Beyond Boundaries (TBB). Esta iniciativa está orientada a reforzar a colaboración en materia de formación, empregabilidade e desenvolvemento rural.

Ao longo das tres xornadas, desenvolveuse un programa de visitas e encontros de traballo. O obxectivo é establecer liñas de colaboración para o acollemento de persoas refuxiadas procedentes de distintos países Asemade, preténdese fomentar a capacitación profesional e a súa inserción laboral no medio rural galego. A iniciativa busca promover itinerarios formativos e de empregabilidade que favorezan a integración social, a permanencia no territorio e a resposta ás necesidades reais do tecido produtivo.

A axenda incluíu reunións nos centros educativos da Federación EFA, EFA A Cancela (As Neves), EFA Piñeiral (Arzúa) e Fonteboa (Coristanco), así como encontros con administracións locais, entidades empresariais e organizacións sectoriais das provincias de Pontevedra e A Coruña. Estes espazos permitiron dar a coñecer o modelo educativo das EFAs, baseado na alternancia entre formación académica e práctica profesional, e analizar posibles sinerxías en sectores con demanda de persoal cualificado.

PUBLICIDADE

Así mesmo, a delegación internacional mantivo encontros con representantes do ámbito empresarial e asociativo para identificar oportunidades de colaboración que faciliten unha vía legal, segura e estruturada de acceso ao emprego. Así, contribúese á integración das persoas refuxiadas e o desenvolvemento económico e social do rural galego.

Neste contexto, a secretaria xeral da Federación EFA Galicia, Belén Rodríguez, destacou que “con este tipo de alianzas e proxectos buscamos un beneficio mutuo e poñer en valor a cooperación. Non se trata tan só de achegar unha oportunidade a cidadáns refuxiados, senón de atraer talento para o noso rural”.

Con esta visita, a Federación EFA Galicia reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento rural sustentado na formación de calidade, na cooperación internacional e na creación de oportunidades laborais sostibles, fortalecendo a conexión entre formación, emprego e territorio e apostando por un rural inclusivo e con futuro.

SOBRE A FEDERACIÓN EFA GALICIA

A Federación EFA Galicia agrupa os Centros de Promoción Rural (EFA) de Galicia e impulsa un modelo educativo baseado na alternancia entre formación académica e práctica profesional, orientado á empregabilidade e ao desenvolvemento do medio rural. A entidade promove alianzas internacionais para a formación, o emprego e a integración social, desenvolvendo proxectos de cooperación que favorecen a capacitación técnica, a inserción laboral e a fixación de poboación no rural galego. A través da colaboración con empresas, administracións públicas e organizacións internacionais, a Federación EFA Galicia contribúe á creación dun rural máis inclusivo, dinámico e con futuro.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.