PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Fusquenlla inviste 165.000 euros en ampliar o equipamento do centro moechés

PorBisbarra

Martes, 3 Decembro 2024
Presentación do novo equipamento da Fusquenlla. Foto: César GaldoPresentación do novo equipamento da Fusquenlla. Foto: César Galdo

O centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na Rede Coworking PEL da Deputación, acaba de aumentar o seu equipamento. Fíxoo grazas a un investimento superior aos 165.000 euros, sufragados con achegas provinciais e fondos do programa europeo Leader, xestionado polo GDR Seitura 22. Neste sentido, incorporáronse preto de medio cento de referencias, entre maquinaria especializada e outro enxoval auxiliar.

Unha das novidades máis destacadas, polo tamaño e función, é o autoclave, fundamental para a esterilización das conservas e axilizar o proceso de elaboración. Simplificando, é unha máquina de cocción con vapor a alta presión. Agora, as persoas usuarias que fixeron o curso de capacitación da Fusquenlla deberán pasar por unha formación teórica de tres horas para actualizarse no manexo deste equipamento.

O curso acelerado sobre o funcionamento do autoclave impartirase hoxe, martes 3 de decembro, entre as 17:00 e as 20:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño. Dos contidos encargarase Andrés Sobrido Troncoso, responsable de Alserco S.L., a empresa pontevedresa especializada en maquinaria para a industria alimentaria que fabricou á medida o autoclave instalado na Fusquenlla.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ademais de falar sobre o propio equipamento, na sesión abordarase a incidencia dos microorganismos nas conservas, os seus posibles efectos prexudiciais para a saúde e prevención a través do tratamento térmico no proceso de elaboración. Asemade, explicarase o funcionamento do autoclave e as precaucións e medidas de seguridade.

INVESTIMENTO DE MÁIS DE 165.000 EUROS

O Concello de San Sadurniño licitou o pasado mes de abril o contrato de subministración e instalación do novo equipamento no centro de transformación. O investimento final alcanzou os 165.717,47 euros, cos que se mellorou a parte dedicada a transformación e conservación agroalimentaria. Ademais do autoclave, entre outro material, mercouse unha envasadora, un muíño para a froita, un cocedor de cremas, unha lavadora-centrifugadora de verduras, unha máquina de baleiro e andeis en inox. Tamén se incorporou a maquinaria que faltaba para poñer en funcionamento a liña de extracción e envasado do mel.

PROXECTO A FUSQUENLLA

O proxecto A Fusquenlla está integrado polos Concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. Conta xa con máis de 150 usuarios elaboradores principais, que superaron un curso de capacitación de 60 ou 40 horas, e axudantes. Na súa maioría son particulares que utilizan as instalacións para preparar os seus propios excedentes para autoconsumo. Non obstante, tamén conta con produtoras e produtores que están dando os seus primeiros pasos na comercialización.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.