A produtora Undodez presentou a primeira serie musical de animación en galego no marco da feira Culturgal coa proxección dos dous primeiros capítulos
A primeira serie musical de animación en galego, Bibopalula, foi presentada o pasado domingo 1 de decembro, durante a última xornada do festival Culturgal en Pontevedra, coa proxección dos dous primeiros capítulos ante 250 asistentes de todas as idades, principalmente cativada.
Esta primeira serie musical de animación en galego, da produtora Undodez e que conta co apoio de Deleite, foi creada por Laura e Andrés Mahía, directora e guionista, e confórmase de 55 capítulos de 5 minutos cada un na súa primeira tempada.
Os protagonistas da primeira serie animada en galego son catro paxaros: o paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin que forman a Banda do Bosque, grupo musical ao que se unen outros tantos paxaros coas voces de intérpretes como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé Antonio Touriñán, este último é ademais o produtor da serie.
O propio Touriñán foi o encargado de dirixir o acto de presentación de Bibopalula, no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e responsables da Televisión de Galicia e da marca Deleite.
López Campos puxo en valor a “audacia” desta produción de Undodez, que se presenta como unha das iniciativas audiovisuais máis ambiciosas das últimas décadas para o público familiar en Galicia, realizada integramente por profesionais e empresas galegas.
Esta primeira serie musical de animación en galego está pensada para acompañar as primeiras miradas sobre o medio natural e dirixida principalmente a un público de entre 3 e 6 anos, trata os ciclos naturais do bosque, desde a chegada do inverno ata a das cegoñas, e ten na música un dos seus grandes valores, xa que cada un dos episodios remata co videoclip dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.
O conselleiro de Cultura celebrou o excelente momento que atravesa o noso audiovisual e destacou especialmente o talento do país nos formatos de animación, apoiados desde o Goberno galego a través das súas liñas de subvencións. En concreto, a serie Bibopalula recibiu 100.000 euros na convocatoria de axudas á produción e coprodución do pasado ano 2023.
Onde ver ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego
A Televisión de Galicia emitirá Bibopalula a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís xabarin.gal e da aplicación móbil do Xabarín, antes de que viaxe por outros territorios e noutras linguas en diferentes operadores.
A produtora está ultimando tamén un conto infantil, unha aplicación específica para a serie, contidos complementarios para YouTube e as principais plataformas de música en streaming, e unha unidade didáctica arredor de asuntos como o coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos.