PUBLICIDADE

A Garda Civil detivo a un veciño de Teo acusado de múltiples delitos contra o patrimonio

PorBisbarra

Martes, 22 Outubro 2024 , , , ,

No marco da Operación “XEIXO” a Garda Civil do Posto Principal de Milladoiro detivo a un veciño de Teo acusado de 38 delitos contra o patrimonio, 21 deles cometeunos en menos de 2 horas o mesmo día, no núcleo urbano de Milladoiro e no seu arrabalde, abarcando tamén o termo municipal de Teo.

A operación iniciouse a finais de outubro de 2023, tras a detección de numerosos roubos con forza no interior de vehículos, nos que o autor utilizaba pedras para romper as xanelas dos vehículos, as cales eran atopadas posteriormente no seu interior. Estes roubos producíanse tanto en vehículos estacionados na vía pública como en garaxes comunitarios. O 7 de outubro de 2024, procedeuse á detención dun home, de 30 anos de idade e veciño de Teo, como presunto autor dun total de 38 delitos contra o patrimonio.

O detido aproveitaba as últimas horas da tarde para cometer os roubos, percorrendo distintas rúas de Milladoiro e arredores. O seu modus operandi consistía en romper as lúas dos vehículos con pequenas pedras e subtraer pertenzas como documentación, obxectos de valor e diñeiro en efectivo.

PUBLICIDADE
Vídeo achegado pola Garda Civil

Nun dos casos, utilizou unha das tarxetas bancarias roubadas para realizar unha compra nun establecemento de alimentación.

A investigación foi froito de case un ano de traballo exhaustivo e a colaboración cidadá tamén foi clave para o éxito da operación. Finalmente, o 7 de outubro, o detido foi sorprendido infraganti tras acabar de fracturar os portelos de 21 vehículos en menos de dúas horas, nas localidades de Milladoiro e en varios aparcadoiros do municipio de Teo. Ese mesmo día, ademais, cometera un roubo nunha empresa de autobuses dun concello costeiro, onde violentou dous autobuses estacionados.

No momento da detención, o individuo portaba diversas pertenzas subtraídas dos vehículos danados esa mañá, as cales foron devoltas aos seus lexítimos propietarios. Coa detención deste home, ponse fin a unha onda de roubos que xerara gran alarma social na zona.

En total, atribúenselle 38 delitos, o que permitiu poñer fin a uns feitos que causaran alarma na zona. O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela que decretou o seu ingreso en prisión provisional.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.