PUBLICIDADE

Arranca o Obradoiro Inicia VIII en Fene

PorBisbarra

Mércores, 23 Outubro 2024 ,
Recepción oficial do alumnado-traballador do Obradoiro Inicia VIII.Recepción oficial do alumnado-traballador do Obradoiro Inicia VIII.

O Concello de Fene acolleu a recepción oficial do alumnado-traballador que formará parte do Obradoiro Inicia VIII. O acto, presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, incluíu a sinatura dos contratos do programa, que se desenvolverá na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial. Durante o próximo ano, ata o 21 de outubro de 2025, as 16 persoas participantes, 14 homes e dúas mulleres, adquirirán formación e experiencia laboral nun sector de alta demanda na comarca. Deste alumnado, dez proceden de Fene, cinco de Mugardos e un de Ares.

O rexedor deu a benvida ao alumnado, destacando a importancia deste tipo de iniciativas formativas. “Este obradoiro é unha gran oportunidade para a mocidade do noso concello e da comarca, non só pola adquisición dos coñecementos teóricos e prácticos, senón tamén porque as participantes recibirán un certificado de profesionalidade que abre as portas a novos empregos nun sector que está en pleno auxe”, sinalou.

Trigo tamén quixo poñer en valor o compromiso do Goberno local coa formación e o emprego, subliñando a alta taxa de inserción laboral que ten este programa. “Varios dos alumnos e alumnas da pasada edición xa asinaron os seus primeiros contratos laborais grazas á formación recibida, o que reflicte o impacto positivo que iniciativas coma esta teñen na vida profesional da mocidade fenesa”, destacou o alcalde fenés.

PUBLICIDADE

Ademais do alumando, tamén se contratou ao persoal encargado da xestión e docencia do obradoiro, composto por unha directora e tres docentes en diferentes modalidades: tubaxe industrial, formación básica e formación empresarial.

O Obradoiro Inicia VIII está organizado polo Concello de Fene, en colaboración cos concellos de Ares, Mugardos e Cabanas, e conta cunha subvención da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración. Está dirixido a mozas e mozos menores de 30 anos empadroados nalgún dos catro concellos participantes.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.