PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O pleno de Ribadavia aproba un plan de 310.000 euros para saldar facturas pendentes

PorBisbarra

Mércores, 23 Outubro 2024 , , ,
O pleno probou un plan de axuste para solicitar un préstamo e saldar facturas pendentes.O pleno probou un plan de axuste para solicitar un préstamo e saldar facturas pendentes.

O Concello de Ribadavia aprobou en pleno extraordinario un plan de axuste para acollerse ao Plan de Pago a Provedores do Estado e saldar facturas pendentes. Así, o municipio dá un paso cara á estabilidade financeira. Esta medida saíu adiante cos votos favorables do grupo do PP, a abstención do PSOE e os votos en contra do BNG.

Segundo explicou o Goberno local, a aprobación deste plan facilitará a concertación dun préstamo, a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO), por valor de 309.890,12 euros. Este importe estará destinado ao pago de facturas pendentes con provedores, todas anteriores ao 31 de marzo de 2024. Con esta operación e tras ano e medio de mandato, o actual executivo local terá saldado débedas a provedores por un total de 481.860 euros. Neste sentido, o pasado mes de maio aprobouse unha modificación de crédito por importe de 171.970,12 euros que permitiu avanzar no pago da primeira remesa de facturas non recoñecidas, correspondentes ao ano 2022.

Neste momento, segundo o alcalde de Ribadavia, César Fernández, non queda ningunha factura pendente anterior ao 31 de marzo deste ano, o que reflicte un importante avance na xestión financeira municipal. Así, o rexedor declarou que “un Concello con contas saneadas será un Concello máis forte”.

PUBLICIDADE

Así mesmo, Fernández destacou a importancia deste plan para a saúde económica do municipio e o beneficio directo que suporá para os provedores locais. “Era imprescindible saldar as débedas que arrastraba o Concello para poder sanear as nosas contas”. Nesta liña, o alcalde explicou que permitirá pagar aos provedores en prazos máis curtos e, unha vez as contas estean equilibradas, ofrecerá liquidez para destinar aos servizos que se ofrece á veciñanza.

A maiores, o alcalde ribadaviense puxo en valor o impacto positivo desta medida no tecido empresarial local. “Cando cumprimos cos nosos compromisos de pago, estamos apoiando directamente ás empresas da zona, que en moitos casos dependen destes ingresos para manter a súa actividade”.

270 FACTURAS, A MAIORÍA DE PROVEDORES LOCAIS

O 75% das 270 facturas que se pagarán tras o acordo de hoxe corresponden a provedores locais; o mesmo que ocorreu coas saldadas o pasado mes de maio. Coa operación aprobada en aquel momento, pagáronse 89 facturas non recoñecidas. Agora, coa execución do plan de axuste e o préstamo asociado, saldaranse 181 facturas pendentes, sen contar as de consumo eléctrico, que se contan por centos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.