A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, o establecemento Carlos 96, un dos cinco establecementos beneficiados, o ano pasado na comarca de Santiago, polas axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. En total estas cinco empresas turísticas recibiron en total máis de 410.000 euros para actuacións que mobilizaron máis de 1,6 millóns de euros. En concreto, o hotel Carlos 96 recibiu unha achega de máis de 76.000 euros para levar a cabo obras por un importe de máis de 119.000 euros para levar a cabo a instalación da envolvente térmica do edificio e para a renovación das fachadas norte, sur e este.
A representante do goberno autonómico aproveitou a visita para que lembrar que ata o 14 de novembro está aberto o prazo para solicitar as axudas, incluídas no Plan de modernización e competitividade no sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado con fondos Next Generation, polo que animou aos responsables deste tipo de establecementos a aproveitar esta oportunidade.
Con estes apoios o Goberno galego pretende apoiar a un sector en auxe que representa na comunicade máis do 10% do PIB e xera un 130.000 postos de traballo.
A orde de axudas para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas está dotada cun investimento de 10 M€ con carácter plurianual. Como novidade deste ano, a convocatoria ábrese aos establecementos de restauración, non só de aloxamento como ata o momento; sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte; non se pide antigüidade mínima nos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do coste total subvencionable do proxecto; aínda que poderá chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.
Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, a renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos deberán estar executados antes de abril de 2025.
A delegada subliñou que “con esta convocatoria a Xunta de Galicia busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego e dá continuidade á liña de axudas lanzada o ano pasado por 7 millóns de euros”.