PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta adiantará o pago de 45 millóns de euros da PAC a gandeiros e agricultores

PorBisbarra

Martes, 22 Outubro 2024 , , , , ,
As axudas da PAC están financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

A Xunta de Galicia anunciou que o Goberno autonómico vai “aboar cun mes de adianto” 45 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común aos produtores do agro galego. En concreto, trátase do anticipo dos pagamentos directos da PAC referentes á solicitude única de 2024 e, tal e como explicou, se destinarán “10 millóns de euros para vacún de carne”, mentres que “os 35 millóns de euros restantes serán para vacún de leite”.

Dende a Xunta lembran que se trata “da contía máis altas dos últimos catro anos” e das poucas veces en que se adianta este pagamento ao mes de outubro -terá lugar na vindeira semana-, xa que en 2023 e 2022, por exemplo, o anticipo non se executou ata finais do mes de novembro. Outra das novidades, é que, debido á autorización da Comisión Europea, supón un “adianto do 70%, en lugar do 50% que viña sendo habitual nos últimos anos”, co obxectivo de dotar de maior liquidez os agricultores e gandeiros.

O obxectivo é que os beneficiarios conten cun fluxo de efectivo para facer fronte aos seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola. O resto de pagamentos directos da campaña 2024 terán que ser aboados obrigatoriamente a partir do día 1 de decembro, de maneira que o prazo final de pagamento sexa, como moi tarde, o 30 de xuño de 2025. Trátase dunha importante inxección económica para o vacún de leite e de carne, que representa máis do 75% das solicitudes da PAC.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

As axudas da PAC están financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e, logo da resolución de axudas presentadas, as comunidades autónomas poden realizar o pagamento anticipado entre o 16 de outubro e o 30 de novembro.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.