O bono activa comercio poderá descargarse dende mañá
Este programa ten como obxectivo a potenciación do comercio local e incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras, e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Cada bono terá un desconto de 30 euros, que servirán para as compras realizadas nos comercios adheridos e os negocios que desexen participar nesta iniciativa poderán inscribirse a partir do 23 de outubro, mañá. A partir do 4 de novembro, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar o bono desconto na web www.bonosactivacomercio.gal.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, será de 5 euros para compras de entre 20 e 30 €; 10 euros de rebaixa para compras de entre 30 e 50 €; e 15 euros no caso de superar os 50 € de compra.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.