Lucía Casal Vázquez, da gandaría melidense Casal Vázquez, gañou o premio Muller Rural Galicia 2026, na categoría “Comunicadora, Influencer e Xornalista”. Estes galardóns, impulsados pola organización Tú Repueblas, enmárcanse no VI Congreso da Muller Rural, celebrados do 20 ao 22 de febreiro no Concello de San Xoán de Río.
Estes premios teñen como obxectivo recoñecer, visibilizar e poñer en valor o liderado, a traxectoria e o impacto de mulleres que están transformando o medio rural galego nos ámbitos institucional, social, económico, cultural e emprendedor.
Con case 90.000 seguidores entre a súa páxina de Facebook e perfís de Instagram e Tik Tok, Lucía Casal Vázquez dá visibilidade ao día a día do seu traballo como gandeira e muller no mundo rural. Así, a melidense publicou un post nas súas redes sociais para agradecer o premio, no que comparte o recoñecemento con “todas as mulleres valientes que cada día traballan a terra, coidan o gando e manteñen vivos os nosos pobos”. Así, explica que “ser muller rural é madrugar con ilusión, é traballar con constancia e amar profundamente as nosas raíces”. Asemade, engade que “este recoñecemento representa esforzo, paixón e compromiso co campo“.
Este galardón súmase á vitrina da creadora de contido, que xa logrou o Premio Nacional de Juventud 2023 ou o MujerAGRO 2024 na categoría de Xuventude.
Lucía finaliza a publicación de agradecemento nas súas redes sociais cunha premisa esperanzadora: “Seguimos sembrando futuro”.


