PUBLICIDADE

Ferrol investirá 320.000 euros na reurbanización da avenida Doutor Fleming

PorBisbarra

Martes, 24 Febreiro 2026 , , ,
Ferrol aposta pola accesibilidade peonil e creará unha comunicación directa entre a rúa Alonso López e Ignacio Martell.Ferrol aposta pola accesibilidade peonil e creará unha comunicación directa entre a rúa Alonso López e Ignacio Martell.

O Concello de Ferrol aprobou a licitación das obras de reurbanización do final da avenida Doutor Fleming e comunicación peonil entre as rúa Alonso López e Ignacio Martell. Esta intervención no barrio de Canido ten un importe de licitación de 319.331,45 euros e un prazo de execución de seis meses.

“Trátase dunha actuación moi demanda dende hai anos polos veciños”, destacou o alcalde, José Manuel Rey Varela. Tras escoitar as necesidades e propostas, crearase unha comunicación directa entre a rúa Alonso López e a praza que inicia a rúa Ignacio Martell.

As obras corresponden á reurbanización do actual espazo viario que o PXOM define entre as tres rúas: Alonso López, Doutor Fleming e Ignacio Martell. “Esta intervención garantirá o tránsito peonil entre elas e a apertura dun novo espazo aberto e continuo de permeabilidade”, asegurou o rexedor.

PUBLICIDADE

NOVAS ZONAS VERDES

Este proxecto aposta pola accesibilidade. Así, xerarase un espazo con prioridade de uso peonil no que só se permitirá o paso de vehículos para acceder ao garaxe dunha vivenda unifamiliar no fondo da avenida Doutor Fleming e aos futuros garaxes que sirvan a dúas parcelas máis de solo urbano consolidado que dan ao ámbito de urbanización. Este espazo permitirá a permeabilidade accesible entre esta rúa e a rúa Alonso López.

Haberá novos espazos verdes, plantarase un arboredo bilateral en Doutor Fleming e xeraranse dous espazos verdes con árbores e bancos para disfrute da veciñanza. Así pois, prestouse especial atención ás necesidades dos nenos e nenas, dada a proximidade dun centro educativo.

Entre as especies elixidas, están árbores da especie cerezo de flor de 16 a 20 centímetros de diámetro de tronco. É unha árbore de porte medio, que pode alcanzar entre seis e os nove metros de altura e catro a sete metros de diámetro. A zona axardinada completarase cun manto floreado de hortensia.

PAVIMENTO E MOBILIARIO

En canto ao pavimento, utilizaranse principalmente dous firmes. Un na zona peonil, consistente en base de formigón en masa de 15 centímetros de espesor, e outro na zona de tráfico rodado, cun firme ríxido para tráfico pesado composto de capa de 20 centímetros de espesor.

Ademais, habilitarase escaleiras que permitan salvar os aproximadamente dous metros de diferencia de cota entre as rúas Alonso López e Ignacio Martell.

A intervención complétase cunha serie de bancos para os dous espazos axardinados, novas luminarias con tecnoloxía led, unha fonte de auga e dúas canastras de baloncesto nun espazo libre para xerar un lugar de xogo.

“Esperamos que os veciños poidan disfrutar pronto deste novo espazo”, desexou o rexedor de Ferrol. Asemade, destacou a aposta do Goberno local “por executar obras de reurbanización integral nas rúas que se atopan en peor estado da cidade, como a Rubalcava, co obxectivo de garantir a seguridade vial para peóns e condutores”.

UN ASCENSOR PARA UNIR A RÚA RAMPA CON DOUTOR FLEMING

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol tamén aprobou o proxecto de reforma integral da rúa Rampa. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e conexión peonil entre os barrios da Magdalena e Canido. A intervención conta cun investimento base de licitación de 799.999,99 euros e un prazo de execución de oito meses.

Ferrol investirá case 800.000 euros na reforma integral da rúa Rampa.
Ferrol investirá case 800.000 euros na reforma integral da rúa Rampa.

Esta actuación inclúese dentro do convenio asinado en abril do 2025 coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruras para a maior transformación urbana dos barrios das últimas décadas, e que conta cunha achega económica de 12 millóns de euros.

Na actualidade, a rúa Rampa conecta ao norte coa avenida Doutor Fleming e ao sur coa rúa Méndez Núñez, presentando un desnivel de 14 metros entre ambas cotas. Esta diferenza de altura dificulta considerablemente o tránsito, especialmente para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida ou familias con carriños infantís. As escaleiras e ramplas existentes non cumpren coa normativa vixente en materia de accesibilidade, presentan desgaste e limitan o uso deste percorrido como eixo peonil estratéxico.

“O elemento principal do proxecto será a instalación dun ascensor público con acceso desde a rúa Méndez Núñez, que permitirá salvar unha diferenza de cota de 9,50 metros”, avanzou o alcalde de Ferrol. O ascensor contará con dúas portas enfrontadas e estará deseñado cunha escala adaptada á súa contorna, integrándose no espazo. Cumprirá coa normativa estatal vixente en materia de seguridade e accesibilidade, incorporando cabina adaptada, botoneras en braille e alto relevo, contraste cromático, sistema de alarma, pasamáns ergonómico e espello para facilitar a saída. Será parcialmente transparente para manter o contacto visual co exterior e disporá de iluminación led eficiente e sistema de emerxencia con autonomía de tres horas.

Xunto ao ascensor executarase un novo tramo de escaleiras e unha rampla-pasarela elevada sobre piares, cunha pendente continua inferior ao 6%, garantindo un itinerario alternativo accesible.

O Concello de Ferrol renovará completamente o segundo tramo da rúa, adecuando a súa pendente a parámetros accesibles e incorporando zonas axardinadas con sistema de rega e áreas de descanso integradas no propio percorrido. Ao chegar á avenida Doutor Fleming, o espazo ampliarase para crear unha pequena praza ou zona de interacción vinculada ao CEIP Cruceiro de Canido, xerando un punto de encontro seguro e protexido.

En canto aos materiais, empregarase unha estrutura mixta de metal e formigón. O pavimento executarase con lousas prefabricadas de formigón coloreado en ton avermellado, con acabados lisos, en relevo ou podotáctiles segundo as necesidades de accesibilidade. As varandas combinarán chapa e pletinas metálicas, e o teito do tramo de escaleiras realizarase con madeira termotratada sobre estrutura metálica. Todos os materiais foron seleccionados pola súa durabilidade, seguridade e integración estética.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.