O Concello de Ribadavia aprobou o pasado 3 de febreiro a convocatoria dun concurso público para o arrendamento de catro bens inmobles. Con esta iniciativa preténdese fomentar a dinamización económica, apoiar novos proxectos empresariais e contribuír á posta en valor do tecido comercial do municipio, especialmente no casco histórico.
Os inmobles obxecto do concurso son, en primeiro lugar, o local na rúa Banda Lira, 1B. Con 32 m², ten uso preferente de artesanía ou alimentación e unha renda mensual de 300 €. En segundo lugar, o local na rúa Rodríguez Moure, 17. Neste caso conta con 63 m² e un uso preferente de artesanía/obradoiro. A renda mensual tamén sería de 300 €. En terceiro lugar, o local na rúa Yáñez, 12. Con 81 m² e uso preferente de viñoteca/obradoiro, a renda mensual é de 300 €. Finalmente, o local na Praza Maior, 14, de 71 m². Neste caso, o uso preferente será téxtil e a renda mensual ascende aos 350 €.
O prazo de presentación de ofertas será de 20 días naturais, contados a partir do 24 de febreiro. No caso de que o último día coincida en sábado ou festivo, entenderase prorrogado ao inmediato día hábil seguinte. As proposicións deberán presentarse no Rexistro Xeral de Entrada do Concello. Pódese consultar o prego de condicións no taboleiro de anuncios municipal, na páxina web e na sede electrónica.
Esta convocatoria enmárcase no impulso do programa “Vilas Vivas”, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada á recuperación de baixos comerciais en desuso no casco histórico.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “con esta nova convocatoria do programa Vilas Vivas, damos un paso máis para encher de vida o noso casco histórico, apoiando a quen quere emprender en Ribadavia e facilitando que locais que estaban pechados volvan formar parte do día a día da vila”. Segundo o rexedor, o obxectivo é “máis actividade económica, máis emprego local e máis vida nas rúas”.




