PUBLICIDADE

A redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño licitarase neste semestre

A redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño suporá un investimento de 600.000 euros.A redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño suporá un investimento de 600.000 euros.

A Xunta ten previsto licitar a redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño neste primeiro semestre do ano. Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Pleno do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria dixo que o orzamento para a redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño se situará no entorno dos 600.000 euros.

Segundo detallou, esta nova infraestrutura disporá de máis de 4.500 m2, máis do dobre de espazo que o centro de saúde actual. O Plan funcional prevé 22 consultas de medicina familiar e comunitaria, área pediátrica, de saúde mental, atención bucodental, consultas de saúde da muller, sala de docencia e un Punto de Atención Continuada reforzado.

PUBLICIDADE

O conselleiro referiu que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución definitiva da modificación necesaria do plan urbanístico municipal en outubro do pasado ano, trámite que correspondeu ao Concello levar a cabo e, desde entón, a Xunta xa está a traballar preparando o prego de licitación para a redacción do proxecto.

Compromiso coa sanidade pública

Na súa resposta en Pleno, o conselleiro destacou que a Xunta leva anos demostrado o seu compromiso coa sanidade pública. Ao respecto sinalou que, nos últimos anos, puxéronse en marcha o Centro Integral de Lugo e o Centro Integral de Lalín e comarca de Deza. Asemade, en marzo entrará en funcionamento o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo.

Segundo destacou Gómez Caamaño, desde o ano 2009 a Xunta construíu ou reformou 138 centros de saúde, cun investimento que supera os 162 millóns de euros. Sinalou, ademais, que se está a avanzar en novos centros de saúde na provincia de Ourense, coas obras xa iniciadas en Muíños e con traballos previos no centro de saúde de Boborás.

Gómez Caamaño lembrou que nos orzamentos da Xunta deste ano, o Goberno galego ten reservados 60 millóns de euros para infraestruturas sanitarias de atención primaria, co obxecto de ir avanzando nos proxectos a medida que se dispoña dos terreos necesarios por parte dos concellos.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.