PUBLICIDADE

O PP de Arzúa denuncia unha nova pintada política con selo de Galiza Nova

PorBisbarra

Xoves, 26 Febreiro 2026 , , ,
A pintada denunciada leva o selo de Galicia Nova, cunha bandeira nacionalista e a frase “Arzúa antifascista”.A pintada denunciada leva o selo de Galicia Nova, cunha bandeira nacionalista e a frase “Arzúa antifascista”.

O Partido Popular de Arzúa denuncia a aparición dunha pintada política nun muro do municipio. Esta foi perpetrada na mesma parede onde o día anterior se eliminara outra intervención ilegal, denunciada polos populares en de xullo de 2025.

A pintada leva o selo de Galiza Nova e inclúe unha bandeira de Galicia coa estrela nacionalista e a frase “Arzúa antifascista”. Para o PP, trátase dun novo exemplo de utilización partidista do espazo público por parte do nacionalismo local.

O voceiro popular, Rafael Rivadulla, lamenta que “mentres os veciños pagan as consecuencias do abandono do Concello, o BNG segue centrado en facer política de bando, apropiándose dos espazos públicos como se fosen da súa propiedade”.

PUBLICIDADE

Rivadulla lembra que “onte mesmo se retirou unha pintada ilegal no mesmo punto e hoxe volvemos estar na mesma situación. Isto demostra que aquí non hai vontade de poñer orde nin de facer cumprir a normativa, senón permisividade interesada”.

Imaxe da anterior pintada ilegal, retirada o día anterior no mesmo muro do centro de Arzúa.
Imaxe da anterior pintada ilegal, retirada o día anterior no mesmo muro do centro de Arzúa.

O Partido Popular considera especialmente grave que estes feitos se produzan ás portas dunha nova edición da Festa do Queixo de Arzúa, un evento que debería ser patrimonio común de toda a veciñanza e non “unha plataforma de confrontación política”.

“Moito nos tememos que o BNG vaia aproveitar a Festa do Queixo para intentar sacar rédito político, como xa fixo noutras ocasións, coa calada por resposta de Alternativa por Arzúa e do PSOE, que sosteñen este tripartito sen criterio nin rumbo claro”, sinalou o portavoz popular.

Desde o PP insisten en que, mentres o Goberno local se adica a este tipo de accións e debates ideolóxicos, a realidade do municipio é ben distinta. “Vías de comunicación nas parroquias con fochancas, ausencia de planificación para dar servizos públicos, e unha vila cada vez máis desatendida”, critican.

“O que temos é un goberno desconectado da realidade. Prioridades equivocadas, falta de xestión e unha clara utilización política das institucións. Arzúa non necesita máis pintadas nin máis propaganda; necesita traballo serio e solucións reais”, concluíu Rivadulla.

O PP de Arzúa esixe que se garantice o respecto á legalidade, que se depuren responsabilidades e que o tripartito deixe de utilizar o Concello “como ferramenta ao servizo dun proxecto partidista alleo ás preocupacións diarias da veciñanza”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.