O Concello de San Sadurniño ten preparada a memoria técnica para rehabilitar o espazo dos antigos vestiarios da polideportiva de Santa Mariña. O obxectivo é ampliar as posibilidades de uso social das instalacións situadas na Golpilleira. Trátase dunha actuación pensada para recuperar unha zona que hoxe se utiliza como almacén e convertela nun lugar máis accesible e cómodo para o desenvolvemento de distintas actividades.
A intervención, cifrada en 100.000 euros, inclúe melloras no interior, na cuberta e no entorno inmediato do edificio. Ademais, abrirase unha comunicación interior co andar inferior do antigo grupo escolar, que xa se está utilizando como local veciñal xunto co edificio inaugurado en 1997. O Goberno de San Sadurniño presentou esta proposta a unha liña de axudas da AGADER dirixida a mellorar equipamentos públicos, coa que se podería cubrir a totalidade do investimento necesario.
A actuación céntrase nunha parte concreta do inmoble, correspondente ao actual almacén (empregado no pasado como vestiario da polideportiva). Conta cunha superficie duns 78 metros cadrados. O proxecto pretende que esta zona pase a ter un uso máis acorde coas necesidades actuais, permitindo dispoñer dun espazo complementario para reunións, actividades e iniciativas veciñais.
Un dos primeiros traballos previstos será a retirada de elementos en mal estado e a apertura ou adaptación de ocos para mellorar a distribución interior. Tamén se substituirán pezas deterioradas e realizaranse intervencións que permitan actualizar o local e facelo máis funcional.
Outro punto importante será a intervención na cuberta. Preténdese retirar o material existente e substituílo por unha solución máis segura e duradeira. Esta parte do proxecto busca mellorar as condicións xerais do edificio, evitar filtracións e garantir un uso máis confortable durante todo o ano.
No interior tamén se prevé unha posta a punto xeral. Renovaranse os revestimentos, botarase un novo chan e instalaranse falsos teitos, co fin de mellorar o aspecto e o confort. A intención é que o local quede máis acolledor e práctico, pensado para un uso continuado e para acoller diferentes tipos de actividades.
O proxecto tamén recolle melloras na electricidade e na iluminación, así como a posta ao día da fontanería e das medidas de seguridade. Así, o espazo poderá utilizarse con garantías e cumprindo as esixencias actuais para edificios de uso público.
Por último, o Concello de San Sadurniño tamén quere aproveitar a obra para mellorar o perímetro do edificio. Neste sentido, incorporarase iluminación exterior, renovaranse pavimentos e peches e habilitaranse espazos que favorezan un uso máis sostible, como aparcamento para bicicletas e zonas para a correcta xestión de residuos.
O orzamento previsto para esta intervención supera lixeiramente os 100.000 euros. A intención do Concello de San Sadurniño é beneficiarse das axudas da AGADER para a mellora de servizos básicos e equipamentos municipais. Esta liña, dotada con 5 millóns de euros, cubrirá con carácter xeral o 100% dos investimentos, cun tope de 100.000 euros por municipio.
O Goberno local confía nas posibilidades do proxecto deseñado para Santa Mariña xa que, segundo comentou o alcalde, Secundino García Casal, “a convocatoria, que é en concorrencia competitiva, favorecerá aos concellos con menor poboación e tamén aqueles proxectos de carácter integral que acheguen melloras en distintos ámbitos. O noso cumpre de sobra cos requisitos para obter unha boa puntuación. Temos esperanza en ser un dos 50 concellos beneficiarios destas axudas”.



