PUBLICIDADE

Ferrol instalará novo mobiliario e iluminación na rúa Real

Ferrol investirá case 341.000 euros nesta actuación, financiada con 270.000 euros da Consellería de Vivenda.Ferrol investirá case 341.000 euros nesta actuación, financiada con 270.000 euros da Consellería de Vivenda.

A xunta de Goberno local de Ferrol deu luz verde ao proxecto refundido básico e de execución para actualizar a iluminación e mobiliario da rúa Real. Segundo informou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, esta intervención inclúese dentro do convenio de colaboración asinado en abril do ano pasado coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para levar a cabo a maior transformación urbana dos barrios.

O proxecto aprobado conta cun investimento de 340.796,33 euros, dos que 270.286,55 euros son aportados pola Consellería de Vivenda e a cantidade restante, 70.509,78 euros, polo Concello de Ferrol. “Imos homoxeneizar o mobiliario urbano e a iluminación da rúa Real, a máis transitada”, asegurou o rexedor.

MÁIS ILUMINACIÓN, MÁIS EFICIENCIA E MENOR CONSUMO

Na actualidade, este tramo da rúa Real conta cunha instalación convencional antiga, con luminarias de vapor de sodio de alta presión de 400W. En total existen 17 luminarias, que suman unha potencia instalada de 6,8 kW, un sistema que non se axusta aos parámetros do Real Decreto 1890/2008, nin ao proxecto de normalización do mobiliario do barrio da Magdalena.

PUBLICIDADE

A intervención contempla a substitución destas luminarias por outras de tecnoloxía led, cunha potencia unitaria de 57,6 W. Manteranse os 17 puntos de luz actuais, instalados en soporte de fachada, o que permitirá conservar a configuración existente e evitar elementos na beirarrúa. A nova potencia total será de 0,97 kW, o que supón un aforro enerxético do 85,73 % respecto da instalación actual.

Ademais, procederase ao soterramento dos cruces aéreos de instalacións existentes, eliminando o cableado visible para mellorar a estética urbana.

NOVO MOBILIARIO URBANO

O proxecto recolle tamén a renovación integral do mobiliario urbano, que actualmente carece de bancos e xardineiras. Así, instalaranse bancos, que terán un deseño ergonómico, e carteis dando a benvida ao barrio. Está prevista a colocación de puntos de recollida de excrementos caninos e maceteiros. Todo o mobiliario urbano será desmontable e non invadirá o itinerario peonil, garantindo a plena accesible. O prazo de execución é de tres meses.

Con esta actuación, “o Concello continúa avanzando na modernización e posta en valor da rúa Real, reforzando a súa imaxe como eixo central da actividade comercial e social da cidade”, afirmou o alcalde.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.