PUBLICIDADE

Adxudicada a fase de Esteiro de Abrir Ferrol ao mar por 2,8 millóns

PorBisbarra

Luns, 16 Febreiro 2026 , , ,
O alcalde de Ferrol mostrou a súa satisfacción polo avance do proxecto “con paso firme”.O alcalde de Ferrol mostrou a súa satisfacción polo avance do proxecto “con paso firme”.

O Concello de Ferrol vén de adxudicar a fase de Esteiro de Abrir Ferrol ao mar por 2.776.917 euros. Así o informou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, mostrando a súa satisfacción polo avance do proxecto “con paso firme”.

A empresa Prace, Servicios y Obras S.A encargarase destes traballos, que contan cun prazo de execución de 15 meses. Trátase dun proxecto cofinanciado pola Axencia Galega de Infraestruturas e a Unión Europea, o que pon de manifesto a súa relevancia estratéxica e o seu impacto transformador para a cidade.

O rexedor resaltou o importante traballo que se está executando na fase de Ferrol Vello, A Magdalena e Arsenal. “Lévanse derrubados máis de 300 metros de muralla, todos podemos comprobar o importante avance desta actuación que marcará un antes e un despois para Ferrol”, afirmou.

PUBLICIDADE

UN BALCÓN Á RÍA DE FERROL

As actuacións que contempla o proxecto en Esteiro están dirixidas cara a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar, para conformar un espazo público continuo ao longo da fachada marítima.

Entre as principais intervencións que se levarán a cabo figura a creación de 600 metros de carril bici e senda verde, que unirán a porta de Navantia coa porta histórica do estaleiro de 1857.

Así mesmo, recuperarase o espazo da antiga porta da Escola Obreira de Navantia, incluíndo a restauración da porta e a instalación de paneis informativos en homenaxe aos aprendices do estaleiro. Ademais, reurbanizarase a contorna do pavillón de Batallóns e o vial de acceso ao Baluarte. Asemade, reconfigurarase a intersección de Taxonera e rúa Españoleto, creando unha glorieta que mellora a seguridade viaria e minimiza riscos para peóns e ciclistas.

A Alameda de Esteiro “recuperará o seu papel histórico como gran espazo público e lugar de encontro, e contará con novo mobiliario urbano e especies arbóreas”, avanzou o rexedor.

En canto á muralla, procederase á súa rebaixa ata os 0,5 metros sobre o nivel da rúa. Instalarase un peche metálico de 2,60 metros de altura continua, garantindo os 3,10 metros mínimos de seguridade requiridos para o recinto estratéxico. Así, ofrecerase unha imaxe máis permeable que favoreza a relación visual con Navantia.

“Queremos un novo espazo para o desfrute da cidadanía, que poderán compartir as familias e os amantes do deporte”, manifestou o alcalde. Deste xeito, esta zona contará con novo mobiliario urbano. Máis en concreto, 18 bancos de madeira e 430 metros lineais de bancos na alameda, papeleiras, 20 aparcabicicletas e un punto de recarga para vehículos eléctricos, que será o primeiro da cidade.

En canto á iluminación, instalaranse 55 novas farolas led de temperatura cálida e plantaranse 56 novas árbores (plataneiros), que reforzarán a continuidade verde do ámbito. A intervención incorpora tamén 350 novas prazas de aparcamento, das cales 150 estarán na vía pública e 200 nun aparcamento disuasorio deseñado con pavimento permeable.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.