O avogado José Manuel Roibás Vázquez, que foi asesor xurídico de multitude de Concellos como Santiago de Compostela, Vimianzo, Ordes, O Pino, Vedra, Laracha, Dodro, Curtis ou Cee, ademais doutros de fóra de Galicia, faleceu onte aos 60 anos de idade despois de varios anos, desde a Pandemia, loitando contra unha grave enfermidade.
José Manuel Roibás, nado en Outeiro de Rei no 1966, foi un referente xurídico para administración local de dentro e fóra de Galicia, desde que se licenciou en Dereito pola Universidade de Santiago (USC) no 1988. Exerceu como profesor na Escola de Práctica Xurídica e o seu saber reflectiuno coa publicación do Manual de Dereito Autonómico Galego.
As numerosas mostras de condolencia e pésame para familiares e amigos chegaron desde todos os Concellos nos que aportou a súa especialización e profundo coñecemento da Administración Local, sendo unha figura chave para o municipio compostelán desde a UTE Roibás González-Concheiro.
“Durante 33 anos José Manuel Roibás prestou servizo no Pino con profesionalidade, rigor e compromiso, defendendo sempre os intereses do Concello”, asegurou o alcalde do Pino, Manuel Taboada, que en nome de toda a corporación e da veciñanza trasladoulle o máis sentido pésamen a viuva de Roibás, Ana Veiga, ás súas fillas Iria e Alba, así como a familiares e amigos do avogado.
Tamén desde o Concello de Vimianzo, a súa alcaldesa Mónica Rodríguez agradeceu públicamente o labor profesional, e persoal, do asesor xurídico que seguía representando ao municipio en asuntos xurídicos. “Foi moi importante pola súa proximidade e polo labor desempeñado como avogado, mais tamén como persoas”, incidiu a rexedora.
Os restos mortais de José Manuel Roibás están depositados no tanatorio da Funeraria Apostol Santiago, en Boisaca. O velatorio está instalado na Sala Obradoiro, no que terá lugar unha misa polo seu eterno descanso ás 18:30 horas, para posteriormente ser incinerado na intimidade familiar.








