O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; visitaron a praza de abastos das Pontes. Percorreron as instalacións en compañía do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. Alí puxeron en valor o potencial do mercado pontés, que no 2023 e 2024 recibiu axudas autonómicas por valor de case 100.000 euros. Neste sentido, as subvencións enmárcanse na convocatoria que busca impulsar os Mercados Excelentes en Galicia.
O investimento adicouse á rehabilitación e reforma interior e parcial da planta de abaixo do mercado. Esta mellora abarcou traballos para unificar a imaxe frontal dos postos dos praceiros e mellorar a acústica e térmica do espazo común. Tamén incluíu a renovación de aseos, da accesibilidade e a dotación de armarios.
A maiores, as achegas autonómica inclúen as orientadas a accións de mentorización e formación dos praceiros deste mercado.
Gabriel Alén subliñou que con estas axudas o Goberno galego busca afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego. Así mesmo, lembrou que as prazas de abastos terán un importante papel no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se presentará no primeiro trimestre deste ano.