Esta mañá iniciáronse os traballos previos para a obra de reparación e substitución do espazo cerrado da galería grande na asociación veciñal da Graña, no Concello de Ferrol. O importe total da actuación ascende aos 148.914,78 euros.
A galería forma parte dun edificio municipal, situado no número 24 da rúa Real Alta, ocupado parcialmente pola asociación veciñal da Graña. Coa execución das actuacións previstas no proxecto garantirase a súa estabilidade estrutural, melloraranse as condicións de habitabilidade e recuperarase, na medida do posible, o aspecto orixinal dunha parte importante do inmoble protexido. Así, actuarase na súa estrutura, na carpintería exterior e vidreira, nos revestimentos, nos falsos teitos, instalacións, illamentos, acabados e cuberta.
A maiores, procederase á reparación integral da superficie dos cinco piares. Estes serán lixados, reparados e aplicaránselles os tratamentos necesarios antes de pintalos. Tamén se actuará no falso teito, que se atopa en mal estado. Neste caso, no novo falso teito encaixarase unha nova iluminación desta zona aberta, eliminando os focos que actualmente están fixados á estrutura de madeira e colocando uns focos encaixados, de exterior, antivandálicos. O prazo de execución do contrato é de seis meses.