O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou hoxe o avance das obras de conversión en autovía do corredor Brión-Noia, unha actuación estratéxica para mellorar a conexión entre a área de Santiago e O Barbanza. Trátase dunha zona “pola que circulan 13.000 vehículos diarios e cunha poboación de 160.000 persoas que se incrementa no verán”.
Durante a visita ás obras que se están a levar a cabo no primeiro treito, que une Brión e Urdilde (Rois), o titular do Executivo galego, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou que a previsión do Goberno autonómico é que esta nova vía “poida abrirse e entrar en funcionamento durante o 2027”.
Nesta primeira fase, que supón desdobrar os primeiros 4,9 km desta vía de altas prestacións e un investimento de 11,2 millóns de euros, xa se executou arredor do 10% do total do proxecto, con traballos centrados fundamentalmente en labores previos como a roza, drenaxes ou movementos de terras. A nova infraestrutura será similar á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación.




